Casa das Meigas
Imaxe: manuelgago.org
A Casa das Meigas ou Pena Angueira defínese coma un asentamento fortificado de época medieval, situado nun esporón rochoso da ladeira noroeste do Monte das Cruces. Está a 287 metros de altitude e conta cun amplo control visual do territorio da contorna, e sobre todo do fondo do val da Depresión Meridiana e o paso natural que vai de Iria Flavia a Compostela. Hai que ter en conta que non controla visualmente a zona de Iria Flavia e de Padrón, mais si o treito de camiño que atravesa esa zona.
Suponse que esta fortificación estaría dentro do contexto defensivo doutras existentes na zona, e quizais complementándose, coma o Castelo Redondo (382 metros de altitude) a 3 quilómetros ao sur, en liña recta e en situación orográfica moi parella; o Castelo de Oleirón (480 metros de altitude) e A Costolla (317metros de altitude), as dúas en fronte mesmo da Casa das Meigas e na parte occidental do val, a unha distancia de 5 quilómetros en liña recta, dirección noroeste, no Concello de Brión. A Pena da Mira, a 6,5 quilómetros ao norte no Monte Picón (207 metros de altitude), desde onde se divisa o val cara ao sur e a cidade de Santiago cara ao nordeste, e o Monte San Marcos (350 metros de altitude) no extremo norte do Val da Amaía, dominando desde o norte do concello toda ruta da Depresión Meridiana, estes últimos asentamentos no Concello de Ames.
O esporón da Casa das Meigas componse dunha serie de afloramentos graníticos que van do suroeste ao nordeste ao longo duns 80 metros de lonxitude, onde se poden apreciar rebaixes e cortes nos penedos e un muro lonxitudinal pouco apreciable debido á densa vexetación. No traballo de José C. Sánchez Pardo e Carlos J. Galbán Malagón pódese ler: “Deste xeito, o conxunto tería forma ovalada, cunhas dimensións en torno a 100 x 35 m. En todo caso hai que sinalar que o sector sueste é o máis vulnerable e accesible. No extremo suroeste do lugar apréciase un derrube de mampostería, que probablemente formaba parte dese mesmo muro. Igualmente, no lado leste apréciase un derrube máis extenso de mampostería por baixo do muro anteriormente mencionado, que podería corresponder a unha segunda liña defensiva ou muralla. Entre ambos créase unha pequena plataforma. O muro está realizado con mampostería de granito, aínda que inclúe algúns bloques mellor traballados que poderían considerarse sillares ou perpiaños . Os bloques presentan distintos tamaños (entre os 25 e 100 cm.) e moi probablemente foron extraídos do mesma contorna. Consérvase unha altura de 80 cm. de media e posúe un ancho medio de 1,25 m., aínda que a ficha do xacemento fala de zonas nas que os muros alcanzan os 3 m. de anchura. En xeral dá a impresión de ser unha técnica distinta e moito máis refinada que en ditos xacementos da contorna como Castelo Redondo ou Castelo de Oleirón, con bloques de maior tamaño e mellor escuadrados. Non se identificaron restos cerámicos, aínda que a vexetación é moi densa”.
- INFORMACIÓN
- Código: PA-AQ007
- Outras denominacións: Pena Angueira
- Tipoloxía: Arqueoloxía
- Cronoloxía: Época altomedieval
- Concello: Padrón
- Parroquia: Santa María de Cruces
- Lugar: Angueira de Suso
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón (GA15065007)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
- Referencias:
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.792677821082 , -8.6327823496396
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.