Hórreo de Reboiras
Imaxe: Beatriz Pereiras
Situado na chamada Eira da Malla de Reboiras, no límite occidental da mesma.
Fermoso exemplar de hórreo mixto de gran tamaño, que ten a particularidade de presentar unha especie de lacenas na repisa para gardar o mel. A cimentación é unha repisa de cachotaría de granito de aproximadamente 1,50 metros de altura. Dá a impresión de que a metade oeste da mesma foi construída posteriormente, xa que a repisa presenta neste punto un corte rectilíneo moi claro. Nesta metade oeste da repisa é visible, na cara vertical do lateral leste, un van rectangular compartimentado en dous espazos por medio de lousas verticais de granito, sendo a parede do fondo destes espazos de perpiaños. Trátase, segundo o comentado por unha veciña, dunha especie de lacenas para gardar o mel. O estado de abandono en que se atopa o entorno, con abundante vexetación, impediu comprobar a existencia ou non dos chamados tornaformigas. Así mesmo, baixo estas lacenas para o mel, é visible na repisa outro buraco cuadrangular, seguramente destinado a gardar outros alimentos ou aparellos, no interior do cal a referida veciña lembrábase de esconderse de cativa, estando actualmente colmado por terra e vexetación. No extremo leste, a repisa ten diante unha pedra rectangular, para o acceso ao interior do hórreo e apoiar as cesta co millo. Carece de soportes, asentando directamente o tornarratos na repisa. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Parece que orixinalmente tería tres claros, manténdose en pé actualmente tan só un, o máis setentrional e o de maior lonxitude. Este claro está hoxe en día pechado con ladrillo, cunha porta de madeira no lateral leste e outra porta pintada de azul no penal da fronte. O segundo claro tan só conserva en pé as columnas de pedra e parte do arco de madeira sobre o que asentaría a cubrición. O terceiro claro non conserva nada. A cubrición, de uralita con algunha tella do país por riba, só se mantén non claro do norte. Tan só conserva o penal dianteiro, de pedra con porta de madeira en azul, con pinche de pedra e sobrepenas, correspondente ao único claro que queda en pé. Non conserva os remates. Orientado ao NE.
No 2010, os veciños consultados aseguran que ten moita antigüidade, máis de cen anos seguro. Unha veciña comenta que aínda lle acorda cando tiña madeira nos claros, e que haberá máis de 30 anos que está en ruínas. Esta mesma muller acórdase de xogar de cativa a esconderse entre este e os outros hórreos da Eira. Orixinalmente, había nesta Eira máis hórreos, en total seis, mais tres deles están actualmente desmontados, quedando á vista tan só os soportes. Así mesmo, a mesma veciña comentou que había antigamente na Eira, no cuadrante NW, un hórreo de vimbio o que lle chamaban A Cabana, de planta circular e cos tornarratos de pedra circulares, mais que actualmente xa non se conserva.
- INFORMACIÓN
- Código: DO-HO096
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Hórreos
- Cronoloxía: -
- Concello: Dodro
- Parroquia: San Xián de Laíño
- Lugar: Reboiras
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Moi mala, en absoluto estado ruinoso, conservando tan só un claro (o norte) en pé dos tres que tería orixinalmente. A metade oeste está totalmente arruinada e cuberta de vexetación. Non conserva nin a madeira (o único claro en pé está pechado con ladrillo) nin a cubrición (de uralita o único tramo que se mantén). Tan só conserva o penal dianteiro. Ademais, a propia Eira da Malla está atravesada actualmente por unha pista asfaltada.
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia
- Referencias:
Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 119)
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.718004604407 , -8.7031443762172
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.