Pazo de Tarrío

Pazo de Tarrío - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: Sendeiros de Dodro | Concello de Dodro

O fidalgo Antonio Ballesteros del Mazo e María Cardama ergueron o Pazo de Tarrío en 1567 na propia aldea e fundaron vínculo e morgado con bens que posuían en Santiago e en San Xián de Laíño. Estaban lonxanamente emparentados cos primeiros Castro, a familia de Rosalía, propietarios do Pazo da Arretén en Padrón. Os Ballesteros procedían do lugar de El Mazo, no val de Meruelo, en Cantabria, e fixeran fortuna como campaneiros. Antonio Ballesteros foi mercador e Procurador Xeral da cidade de Santiago, mais varios irmáns seus continuaron co oficio de fundidores de campás. O fillo, Mateo Ballesteros, era Consultor do Santo Oficio da Inquisición e Rexedor tamén de Compostela. No Arquivo Histórico Universitario consérvanse varios testamentos da familia. O do fundador do pazo (1608) é dificilmente lexible polo deterioro que presenta. No da viúva de Mateo Ballesteros, Beatriz de Romay, de 1637, o reconto do enxoval que se encontra na casa de Compostela no momento da súa morte, pode dar idea do poder económico da familia, e podería formar parte do Concierto barroco de Alejo Carpentier: “una salba de plata grande lissa, otra salvilla de plata chica, una venera de plata (…), una jarra de plata blanca, otra xarra de plata blanca pequena labrada a lo antiguo, (…) una porcelana sobredorada con unas figuras de pescados, (…) un salero con su cubierta de plata (…), ocho cucharas de plata y doce tenedores de plata…”.

Por volta do ano 1666, o do incendio de Londres, ardeu tamén o Pazo de Tarrío. O capitán Antonio Ballesteros, recoñecido fillo do matrimonio anterior, virouse tolo na súa Torre de Tarrío e prendeulle lume á casa e aos papeis da facenda, ocasión que aproveitaron os xesuítas para reclamar que se lles dera en foro o lugar de Chousiños, preto de Santiago, sobre o que tiña dereito a familia dos Ballesteros, mesmo ofrecéndose a duplicar o seu arrendo. A existencia dun contrato do ano 1626 outorgado a favor destes polo arcebispo Frei Agustín Antolínez púxolle fin ao preito. No Catastro de Ensenada aparece censado aquí Don Diego Ballesteros, fidalgo e Procurador Xeral da Xurisdición, cun fillo menor e unha irmá maior ca el, e cun paxe e tres criados, un deles horticultor, e dúas criadas.

O escudo dos Ballesteros figura na parede norte con dúas béstas cruzadas, unhas vieiras e cinco estrelas en cruz. A familia deu personaxes ilustres. Algúns dos seus membros están enterrados na catedral compostelá e Luís López Ballesteros, do Pazo da Golpilleira en Vilagarcía, foi Ministro de Facenda con Fernando VII. Ese mesmo rei quedou prendado da beleza da herdeira do Pazo de Tarrío, que pasaba tempadas en Madrid e tamén en Tarrío pois, coma os seus antepasados, residía en Santiago cos seus pais. Chamábase Josefa Juana de la Cruz y María de los Dolores Ballesteros e os retratos da época descríbena como de “singular donosura”. Era filla de Juan Nepomuceno Ballesteros e María de los Dolores Carasa, e tiña 18 anos cando casou en 1806 con Bernardo González, talludo xa nesa altura, pois contaba con 35 anos cumpridos, a quen a historia coñece como Cachamuíña, o heroe da nosa Guerra da Independencia. No artigo “Tres mulleres na vida de Cachamuíña” pódese atopar a historia, así coma a das outras dúas Josefas que foron mozas del antes da nosa Pepita, que é como a chamaban. A pesar de todo, os franceses acabaron entrando no pazo e arramplando co que nel había. Os máis vellos do lugar sempre dixeron que fora cárcere da Inquisición e que seica levaban os presos en ringleira a tomar unha raíña de sol á Cortiña da Arcai que queda ao sur do Pazo, en Solaíño.

En 1862 vendéuselle a propiedade a Nicolás Seoane e á súa dona, residentes en Niza. Quen realiza os trámites necesarios para a compra do inmoble representando aos novos propietarios é o seu curmán Luís Rodríguez Seoane, compañeiro de Rosalía, de Murguía e de Aurelio Aguirre no Liceo de la Juventud de Compostela. Xunto con Pondal e co propio Aguirre foi un dos que leu as proclamas do Banquete de Conxo en 1856. Como unha tía da familia Seoane vivía aquí en Tarrío e os propietarios seguían a residir en Francia, acábana coidando os Romay, aos que pasará despois o Pazo de Tarrío.

Aínda se lle di A Casa de Romay e A Horta de Romay ou Do Señorito á propiedade murada que recorre a aldea de Tarrío de norte a sur. Até os anos sesenta do século pasado deuse escola nel, mais daquela era xa unha ruína. Agora o dono é Juan Ramón Quintás, un prestixioso economista que participou na elaboración do Estatuto de Autonomía de Galicia. Foi el quen nos achegou o preito sobre o lugar denominado Chousiños e o documento de compra dos Seoane. A casa volve recuperar algo do antigo esplendor. Outros ecos habitan o xardín. Hai estatuas de aluarado mármore e rumores de voces recentes nos sendeiros, coma un Bomarzo aquí entre as néboas esfiañadas do Ulla.

O Pazo de Tarrío é un belvedere sobre o dilatado val. Ten planta angular e unha torre cuadrangular de amplas ventás, cun potiño e unha cheminea monumental. Nun ameno recanto da horta que dá ao norte da casa, entre pés de herba luísa e limoeiros, coma quen entra no pavillón dun soño, descemos por unha breve escaleira a unha fermosa pérgola de cantaría, enlousada de pedra e cuberta de enramadas latas. Enriba dos dous canos dunha fonte cantareira que deitan nuns lavadoiros, unha fornela abucinada acubilla a imaxe de San Antón. Xa se sabe que o santo era casamenteiro e as mozas destas aldeas que querían casar atábanlle cunha fita as sacras mans de pedra e rezábanlle baixiño polas noites para que aparecese desnoutada polo día.

Texto extraído do libro “Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga”, de Manuel Lorenzo Baleirón.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-AC003
  • Outras denominacións: Torre de Laíño, Pazo de Laíño ou Casa de Romay
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: Século XVII
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: Tarrío
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (AC-06)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Sendeiros de Dodro

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro, aprobado o 27 de decembro de 2010

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa do Concello de Dodro

Casa de Aguirre

Escola de Vigo

Casa reitoral de San Xoán de Laíño