Hotel Balneario Catoira

Hotel Balneario Catoira - Catoira - Santa Baia de Oeste

O antigo hotel era unha construción de pedra, situada en medio dun terreo de case dúas hectáreas, no centro do núcleo urbano, a pouco máis de 150 metros do río Ulla e a uns 350 metros do Balneario Laxinias. O hotel é unha fermosa casa de pedra situada no medio de o terreo, goza de boas vistas á ría, ten 20 cuartos, un comedor-galería e unha ampla cociña. O complexo aparece conformado por dous edificios illados separados entre si 66 metros. O desenvolvemento arquitectónico do conxunto que conforma o balneario de Catoira nunca chegou a ter a importancia dos outros grandes balnearios da zona.

Posiblemente as augas de Catoira son coñecidas desde a antigüidade, xa que aquí houbo un asentamento romano e sábese do seu gusto polas augas minerais. En 1907 as augas foron declaradas de utilidade pública.

Foi nese momento cando se desenrolou un proxecto empresarial baixo a dirección do seu propietario, o avogado de Caldas de Reis, Adolfo Mosquera Castro, que incluíu, ademais da creación do Hotel Balneario, a explotación industrial das augas para a fabricación de xabón e sales de toucador. A fábrica onde se preparaban estes produtos construíuse en Caldas de Reis, onde residía Adolfo Mosquera. Tratábase dun xabón sulfuroso, feito a base das augas de Laxiña e Recarén, coa marca Torres de Oeste, que alcanzou certa fama en Arxentina. As sales que se comercializaban tamén tiñan como base as augas medicinais. Os dous produtos chegaron a recibir premios nas exposicións de Londres, Roma e Bos Aires. A emigración galega a países estranxeiros, especialmente a Arxentina, favoreceu as relacións comerciais con outros países e contribuíu á difusión de ambos os dous produtos.

Escasa é a documentación que se conserva para facernos unha idea do significado desta actividade comercial, mais algunha importancia tería, a xulgar por este extraído dunha revista do ano 1912: “Tales son, salientados por riba, o país de Catoira, as súas augas mineromedicinais, o seu balneario, o seu hotel e os produtos que elabora o seu propietario, que obtiveron diploma de honra e medalla de ouro na exposición última de Londres; gran premio, diploma de honra e medalla e cruz de ouro, na recente de Roma e diploma de honra, na última de Bos Aires“.

Existían catro mananciais, que mencionados de norte a sur son: o do Disco, descuberto a comezos deste século, coñecido antigamente como Codeseira, o coñecido por manancial do Hotel, denominado antigamente Licarei, o que denominan do Balneario, que antigamente era coñecido como manancial de Laxiñas e por último o denominado de San Miguel, preto da igrexa parroquial, na beira norte do río de Catoira, coñecido por outros como da Igrexa ou da Ponte.

A tempada oficial comezaba o 1 de xullo e remataba o 30 de setembro. Os tratamentos, prescritos polo médico, incluían xeralmente baños e auga en bebida. As curas tiñan unha duración de entre 7 e 15 días e a indicación principal eran certos procesos dermatolóxicos como psoríase, eccemas ou erisipela. A guerra civil afectou o funcionamento do balneario até o punto de que os propietarios tiveron que pechar as instalacións.

En 1958 un novo propietario, Ricardo Dios, compra a estación termal. Fanse reformas tanto no hotel como no balneario, co fin de mellorar as condicións para os auguistas, mais a nova etapa non alcanza o esplendor de antes da guerra. O avance da medicina contribúe a que este, ao igual que outros balnearios do país, vivisen as súas épocas máis baixas.

Nalgúns textos recentes menciónase que a actividade balnearia mantívose ininterrompidamente até 1984. Este dato non parece certo xa que os veciños manteñen que despois da guerra o balneario non permaneceu aberto por moito tempo e o doutor Carlos Pérez, nomeado médico titular de Catoira en 1963, ratifícao. Estando el como médico, non recorda actividade no balneario.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa das Pozas

Praza de Abastos de Catoira

Casa reitoral de Santa Baia de Oeste

Balneario Laxinias