Balneario Laxinias

Balneario Laxinias - Catoira - Santa Baia de Oeste

Imaxe: entre-ruinas.blogspot.com

Localizado a uns 350 metros do Hotel Balneario Catoira, trátase dun modesto edificio de baños de planta baixa, rectangular e cuberta a catro augas, máis en consonancia cun balneario rural que cos grandes balnearios da provincia de Pontevedra. O balneario, inicialmente foi unha construción de madeira con oito cuartos de baño e un salón de espera. Ten oito pilas, catro de mármore, que se dicían de primeira, e catro de cemento, que se dicían de segunda. O uso destas augas era externo, en forma de baños e os prezos en 1912 eran de 1,50 e 1 pesetas baño. A época de maior esplendor da actividade balnearia foi a década dos anos trinta.

Tivo tres mananciais, estando soterrado o que se atopaba ao carón da igrexa. Actualmente consérvanse dous, un pequeno manancial preto das Torres do Oeste e o de Laxiñas, que era o que subministraba auga ao balneario.

O acceso realízase a través dunha porta principal localizada no eixo do inmoble baixo un cartel feito con teselas no que podemos ler: “BALNEARIO LAXINIAS / CATOIRA”. No lado oposto desta porta sitúase un habitáculo en forma de exedra, que se comunica co exterior a través dunha serie de xanelas de guillotina.

Posiblemente as augas de Catoira son coñecidas desde a antigüidade, xa que aquí houbo un asentamento romano e sábese do seu gusto polas augas minerais. En 1907 as augas foron declaradas de utilidade pública.

Foi nese momento cando se desenrolou un proxecto empresarial baixo a dirección do seu propietario, o avogado de Caldas de Reis, Adolfo Mosquera Castro, que incluíu, ademais da creación do Hotel Balneario, a explotación industrial das augas para a fabricación de xabón e sales de toucador. A fábrica onde se preparaban estes produtos construíuse en Caldas de Reis, onde residía Adolfo Mosquera. Tratábase dun xabón sulfuroso, feito a base das augas de Laxiña e Recaarén, coa marca Torres de Oeste, que alcanzou certa fama en Arxentina. As sales que se comercializaban tamén tiñan como base as augas medicinais. Os dous produtos chegaron a recibir premios nas exposicións de Londres, Roma e Bos Aires. A emigración galega a países estranxeiros, especialmente a Arxentina, favoreceu as relacións comerciais con outros países e contribuíu á difusión de ambos os dous produtos.

Escasa é a documentación que se conserva para facernos unha idea do significado desta actividade comercial, mais algunha importancia tería, a xulgar por este extraído dunha revista do ano 1912: “Tales son, salientados por riba, o país de Catoira, as súas augas mineromedicinais, o seu balneario, o seu hotel e os produtos que elabora o seu propietario, que obtiveron diploma de honra e medalla de ouro na exposición última de Londres; gran premio, diploma de honra e medalla e cruz de ouro, na recente de Roma e diploma de honra, na última de Bos Aires“.

Existían catro mananciais, que mencionados de norte a sur son: o do Disco, descuberto a comezos deste século, coñecido antigamente como Codeseira, o coñecido por manancial do Hotel, denominado antigamente Licarei, o que denominan do Balneario, que antigamente era coñecido como manancial de Laxiñas e por último o denominado de San Miguel, preto da igrexa parroquial, na beira norte do río de Catoira, coñecido por outros como da Igrexa ou da Ponte.

A tempada oficial comezaba o 1 de xullo e remataba o 30 de setembro. Os tratamentos, prescritos polo médico, incluían xeralmente baños e auga en bebida. As curas tiñan unha duración de entre 7 e 15 días e a indicación principal eran certos procesos dermatolóxicos como psoríase, eccemas ou erisipela. A guerra civil afectou o funcionamento do balneario até o punto de que os propietarios tiveron que pechar as instalacións.

En 1958 un novo propietario, Ricardo Dios, compra a estación termal. Fanse reformas tanto no hotel como no balneario, co fin de mellorar as condicións para os auguistas, mais a nova etapa non alcanza o esplendor de antes da guerra. O avance da medicina contribúe a que este, ao igual que outros balnearios do país, vivisen as súas épocas máis baixas.

Nalgúns textos recentes menciónase que a actividade balnearia mantívose ininterrompidamente até 1984. Este dato non parece certo xa que os veciños manteñen que despois da guerra o balneario non permaneceu aberto por moito tempo e o doutor Carlos Pérez, nomeado médico titular de Catoira en 1963, ratifícao. Estando el como médico, non recorda actividade no balneario.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa das Pozas

Casa da Barreira

Casa das Pexegas

Casa de Barral