Petróglifo do Campo da Abroteira

Petróglifo do Campo da Abroteira - Catoira - San Miguel de Catoira

Imaxe: Cristina Conde Escaloni

Santuario rupestre situado nun enorme batolito granítico no alto dun outeiro accesible pola parte da pista forestal que dá ao norte (a uns 40 metros da mesma) e na parte orientada ao poñente elévase varios metros de altura (de 2 a 6 metros segundo a zona). Destaca visualmente na paisaxe e dominando amplamente a Ría de Arousa e o cume do Monte Xiabre pola parte sur e oeste, e cara ao leste e norte, se non houbera repoboación forestal, dominaría a cabeceira da ría e a cadea de montes de Fontebecha. O batolito presenta dúas enormes pías na parte norte e outra aínda máis grande e fonda (até 70-80 centímetros) de forma irregular na parte sur. Foi localizado por Cristina Conde Escaloni e Francisco Ameixiras Sánchez.

Arredor desta pía atópase a figura principal, moi desgastada, mais visible claramente a pleno día coa pedra molla e nas fotogrametrías, nunha zona lixeiramente inclinada ao oeste e que consta dunha gran combinación circular de até 4 círculos concéntricos, encerrando o máis pequeno un conxunto de coviñas ao estilo das existentes no mesmo monte na Laxe dos Bolos ou en Pedras Minas. Tamén se advirte a existencia dun radio que parte do círculo central e apunta cara ao oeste. Xusto no borde da grande pía apréciase unha ringleira irregular de 5 cazoletas. Existen dous posibles canais de orixe antrópico e de fondo e forma bastante irregular que parten da pía principal, preto da combinación circular, e que se dirixen cara a parte inferior da pedra.

Na parte central do batolito, separada por unha fenda deste grupo principal, obsérvase outra superficie duns 5 metros de superficie case completamente plana, dividida por algunha diáclase natural, na que aparece un pequeno reticulado duns 50 centímetros de lonxitude e 20 de anchura, no que ten superposta unha cazoleta marcada, un círculo simple por baixo del, duns 25 centímetros de diámetro, e outra cazoleta cun círculo simple no centro dunha pía natural a un nivel lixeiramente superior. Tamén se atopan ao longo da diáclase que divide a pedra, a pouca distancia do conxunto reticulado-círculo simple, un par de pías de aparencia natural, aínda que quizais algo traballadas no centro dunha das cales hai outro par de cazoletas e catro máis en dous pares simétricos a ambos lados das dúas pías e da diáclase que as atravesa, de xeito similar ás que hai a ambos lados doutra pía que se atopa o Petróglifo do Outeiro da Hedra, só que alí a pía é remarcada só por dúas cazoletas, non por catro como neste caso. A poucos centímetros ao sur dunha destas parellas de pías, obsérvase un círculo simple duns 30 centímetros de diámetro ben visible a simple vista, do que parten un par de trazos, e na súa contorna, vestixios dalgún outro círculo maior xa moi desgastado. Cara a parte norte da diáclase existen outra cazoleta e unha combinación circular algo ovalada de tamaño pequeno, uns 15 centímetros, remarcando un pequeno lombo de pedra, así como algúns trazos máis inconexos, quizais vestixios doutros gravados xa desaparecidos.

Como curiosidade arqueoastronómica, a posición da combinación circular alíñase no solsticio de inverno (21 de decembro) exactamente ca intersección da liña marítima do horizonte coa liña da ladeira do Monte Xiabre, o que, ademais das excelentes vistas panorámica como miradoiro natural deste enclave, engade un punto de interese que sen dúbida determinou que neste lugar se realizaran ditos gravados, como se ten comprobado noutros petróglifos, o cal é un valor engadido a esta paraxe.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Camiño do Rego

Petróglifo do Campo da Abroteira

Torres de Oeste

Petróglifo Nº 1 das Lagoas