Igrexa de San Salvador de Setecoros

Igrexa de San Salvador de Setecoros - Valga - San Salvador de Setecoros

Aínda que a construción da actual parroquial data do século XVIII, sendo rematada en 1701, de aquí proceden varios capiteis prerrománicos, entre a época sueva e a visigoda, conservados na súa maior parte no Museo de Pontevedra e no Museo da Catedral de Santiago.

M. Núñez (1978) data estes capiteis cara o século VI-VII e defíneos como “insólitos en Galicia, cun depurado estilo, poderían ser importados ao longo da rede viaria que se encamiña cara Iria Flavia ou elaborados por un taller itinerante”. Para este mesmo autor, o templo de Setecoros podería ter a súa orixe nunha anterior basílica tardorromana.

Na igrexa actual, emprazada nun outeiro que mira cara o val do río Valga, consérvanse aínda dous exemplares destes capiteis, sostidos por sendas columnas de granito, que enmarcan a entrada ao altar. Manteñen as mesmas características que os conservados en Pontevedra e Santiago, recollendo elementos clásicos “follas evocadoras do naturalismo, dispostas en ringleira con eixos sinalados por un forte nervio que remata no saínte central con dous lóbulos ós lados” (Núñez, p. 82).

A presenza destes restos, as referencias bibliográficas e o propio emprazamento da parroquial, fan supoñer a existencia de vestixios antigos na contorna da actual igrexa, que puideran corresponder, cando menos, ao templo primitivo do que proceden os capiteis conservados.

A igrexa parroquial de Setecoros consta dunha soa nave, de catro treitos. A fachada é neoclásica, composta por frontón e pilastras. Nos muros da nave e no prebisterio consérvanse columnas con capiteis vexetais. Portada consistente nun arco de medio punto coa clave marcada. Porta en madeira de castaño labrada e policromada. Torre-campanario a un lado da fachada, que para acceder a el hai que subir por unha escaleira de caracol. No seu interior podemos apreciar unha pía bautismal de estilo románico e unha imaxe da Virxe de pedra do Románico tardío, así como un retablo de madeira barroco policromado do século XVIII.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VA-AR006
  • Outras denominacións: Igrexa do Divino Salvador de Setecoros
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: 1701
  • Concello: Valga
  • Parroquia: San Salvador de Setecoros
  • Lugar: A Eirexe
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Ao redor da parroquial sitúase o actual cemiterio, sendo construída unha área de nichos na ladeira meridional do outeiro sobre o que se asenta a igrexa, coas conseguintes explanacións practicadas. A contorna do templo aparece ocupada polas construcións do núcleo de poboación de A Eirexe e viais de comunicación.

  • Protección:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-13: GA36056012)

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-315)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

    Marcelo del Campo

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Igrexa de Santa María de Xanza

Capela da Nosa Señora dos Desamparados

Capela da Virxe de Lourdes

Igrexa de San Miguel de Valga