Río Té

Río Té - Rianxo - Santa María de Asados

Imaxe: Fotos de Rianxo

O río Té nace preto do Monte Muralla, entorno aos 500 metros de altitude, no estremo norte do Concello de Rianxo. Percorre arredor de 12 quilómetros pasando por diversos lugares e parroquias, achegándonos recursos esenciais para a nosa vida. Desemboca no lugar do Pazo, xa na Ría de Arousa.

As árbores, forman un estreito corredor verde que se estende ao longo do leito do río Té. Os bosques de ribeira semellan gardar o río como un tesouro. Este bosque cumpre un papel fundamental para axudar a conservar os nosos ríos.

O leito e a ribeira do río acollen unha fauna, descoñecida e moi diversa, de pequenos e numerosos invertebrados que pasan inadvertidos polo seu pequeno tamaño. Insectos, anélidos, crustáceos, moluscos… todos eles tecen unha importante e delicada rede e comparten un medio acuático ao que se adaptan de distintas e curiosas formas.

O río Té é un creador de vida que acolle unha fauna vertebrada moi variada e diversa. Das súas augas abrolla vitalidade que mantén esperta a peixes, mamíferos, aves, anfibios, réptiles que se interelacionan e viven agochados no medio.

Os ríos e a súa auga son un recurso, esencial e vital para o ser humano. Desde tempos antigos condicionou os seus asentamentos ou poboacións e tamén o seu desenvolvemento económico e cultural. Os ríos proporciónannos múltiples beneficios: auga doce para beber e outros usos domésticos e industriais, riqueza pesqueira, regas para a agricultura que nos dan alimentos, para producir enerxía, para a navegación e usos recreativos ou de lecer. Cómpre conservarmos a riqueza dos ríos, xa que a nosa saúde e benestar depende destas augas fluíntes. Desde moi antigo os humanos aprendemos a aproveitar a forza da auga no noso beneficio. Un dos aproveitamentos máis comúns en Galicia foi o muíño de regato, pola abundancia de auga.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Praia do Castiñeiro

Punta da Laxe

Gabeira Grande ou de San Miguel

Punta de Cunchó