Cruceiro de Brión

Cruceiro de Brión - Rianxo - Santa María de Leiro

Imaxe: Ángel Luis Utrera Baza

Cruceiro de granito á beira da estrada principal que atravesa o lugar de Brión. Plataforma de tres chanzos sobre a que apoia directamente un fuste de sección cadrada coas arestas chafranadas con remates nos extremos. Capitel troncopiramidal inverso con molduras, que sostén unha imaxe dun santo.

O texto que segue a continuación é autoría de Natividad Rey Ordóñez (abril 2018).

Na aldea de Brión hai un cruceiro que ten dúas imaxes un tanto peculiares. Unha delas foi feita e colocada polo veciño finado Rogelio e a outra foi colocada recentemente. A súa colocación causou o rexeitamento de certos veciños da aldea apuntando que amosa un feísmo ao cruceiro e consideran que debe ser retirada. Mais esta última imaxe ten a súa historia e parece ser que, formou parte desde a orixe do citado cruceiro.

En Brión moita xente recorda un importante acontecemento que envolve ao cruceiro, que sucedeu hai uns 50 anos, aproximadamente. Na praza na que está o cruceiro houbo unha taberna (que agora é un garaxe). Unha noite, un par de homes excederon o límite de alcohol, ateigándose de viños e cervexas, e a noite comezaba a ser longa entre cunca e cunca. Nun momento saíron para fora da taberna e de fronte atopáronse co cruceiro, miraron cara el e, de súpeto, viulles á mente a nefasta idea de que había que derrubalo. Entón comezaron a patadas contra el, collían pulo desde lonxe para chegar con máis forza ao cruceiro, levantar a perna a soltarlle un bo golpe. Un deles subiu ao outro aos ombreiros para que puidera chegar ben á imaxe que estaba na parte superior e así, poder agarrala e engancharse nela para facer abanear o cruceiro e derrubalo; mais era inútil o cruceiro non se movía. Até que un deles tivo a idea de ir buscar unhas cadeas á súa casa para amarrar o cruceiro e abanealo con forza, e tras varios intentos e a empuxóns, o cruceiro viuse abaixo. Perante tal feito estas dúas persoas fuxiron correndo do lugar dos feitos, cando unha señora saíu pola ventá da súa casa abraiada con tanto barulleiro. Cando veu que o cruceiro estaba no chan, saíu a coller a imaxe do santo que caera e veu que lle faltaba a cabeza, intentouna buscar, mais era de noite e estaba moi escuro, polo que non puido atopala. Esta señora con moito respecto gardou sempre os restos que quedaban do “santo sen cabeza”. Ao día seguinte os veciños da aldea lamentando o sucedido, ergueron o cruceiro. Algunhas das súas pezas faltaban, como a cabeza do santo; mais colocaron o cruceiro de novo no seu lugar sen o “santo sen cabeza”.

O señor Rogelio, que era un apaixonado pola arte, esculpiu con toda devoción unha figura e colocoulla ao cruceiro. E así, permaneceu por moitos anos o cruceiro arranxado polos veciños de Brión co “santo” que fixo Rogelio. Pasado moito tempo, houbo un día no que alguén animouse a reconstruír a cabeza do santo gardado, mais en vez de facerlle a cabeza dun santo fixéronlla dunha santa. Entre varias dúbidas e cuestións sobre que facer coa imaxe orixinal que xa estaba amañada e na actualidade, varios veciños de Brión decidiron volver a colocala no cruceiro, aínda que non gustou a todos tal idea.

Ao pouco tempo do derrubo do cruceiro, un dos homes que o tirou tivo un grave accidente indo nunha bicicleta. Unha moto chocou contra el e este, golpeou fortemente a cabeza contra un muro de formigón. Causoulle graves feridas e a mandíbula fracturada, fixo falta máis dun ano para que se chegara a recuperar por completo. En Brión recordan este suceso como un castigo de Deus por meterse co cruceiro. “Miña nai xa dicía: foi Deus que o castigou, rompeulle a cabeza ao santo e el agora está aí cos ferros eses, suxeitando os dentes e a mandíbula”.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-ER060
  • Outras denominacións: Cruceiro da Aldea
  • Tipoloxía: Elementos relixiosos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa María de Leiro
  • Lugar: Brión
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (C-060)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Cruceiros de Galicia

    Fotos de Rianxo

    Xenealoxías do Barbanza

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cruceiro de Outeiro

Cruceiro Nº 2 de Traba

Cruceiro do Cabo

Vía crucis do Calvario