Fábrica de tecidos de Ángel Ramos

Fábrica de tecidos de Ángel Ramos - Padrón - Santiago de Padrón

Imaxe: Sergio Pérez Lobato

Coñecida popularmente como “A de Ramos”, estaba dedicada á fabricación téxtil de lenzos e manteis, estampados, sabas, toallas e roupa da casa en xeral. Foi fundada no ano 1886 polo zamorano Ángel Ramos García. Destacar que o tecido era unha tradición artesanal iniciada en Padrón a finais do século XVIII.

Non se limitaba á comercialización do produto final, senón que antes encargouse do abastecemento do liño fiado aos tecedores. Chegaron a traballar baixo a supervisión da empresa uns 400 tecedores. Na fábrica traballaban moitas mulleres, tanto en produción como nos seus amplos mostradores de venda ao público nos baixos da fábrica. A materia prima procedía fundamentalmente de Riga (Letonia), Inglaterra e tamén da Rioxa. Os vapores desembarcaban o liño en Vilagarcía de Arousa, que despois era transportado en barcazas até o Porto de Cesures. Unha vez confeccionado o lenzo nos talleres familiares, a súa comercialización era realizada pola propia empresa, exportándoos a diferentes puntos do Estado español, e a Cuba, Arxentina e Brasil en barcos de vapor. Nesta primeira etapa a mercadoría consistía maioritariamente en “tegidos de lino labrados y llanos”. O sistema de produción doméstica mantense, cando a finais do século XIX, comece a substitución do liño polo algodón.

No ano 1981 falece o fundador da empresa e queda á fronte da mesma a súa viúva, Pilar Mella,  e dous fillos, Julián e Manuel. O primeiro como encargado de funcións directivas e o segundo da organización técnica. A partir deste momento a sociedade pasou a denominarse Viuda de Ángel Ramos. Máis tarde sucédelle o seu fillo Julián Ramos Mella, un promotor industrial que desexaba converter Padrón na Terrasa de Galicia. Julián apoiou á papeleira, ao clube de fútbol, partidos que non se perdía no Campo do Souto, edificou o edificio do casino e promoveu vivendas sociais para os seu traballadores.

O sistema de produción mantívose practicamente inalterado até os primeiros anos da década de 1930, momento no que a empresa se decanta pola produción fabril moderna coa instalación de teares mecánicos, que desde o primeiro momento funcionaron con enerxía eléctrica. O anos de maior auxe de produción da empresa Viuda de Angel Ramos foron os da guerra civil, cando a fábrica foi militarizada e o traballadores tiveron que traballar en tres quendas para dar satisfacción á grande demanda da zona golpista, nun momento en que Cataluña, a máis importante zona produtora de tecidos de algodón, permanecía fiel ao goberno lexítimo da segunda república.

Superada a posguerra, entre 1950 e a década de 1970, a fábrica mantivo unha elevada produción, favorecida pola política restritiva á importación, ao mesmo tempo que o desarrollismo dos anos sesenta estaba aumentando a capacidade adquisitiva da poboación. Alén dos tecidos de rizo (usados para facer toallas) e os lisos (para as roupas de mesa), tamén se fabrican alfombras, para as que se precisou importar lá. A produción diríxese nestes anos a diferentes mercados galegos, así como a Asturias, Madrid e León. En todo este período non se introduciron innovacións técnicas de importancia no proceso produtivo da fábrica.

Hai que sinalar as dificultades dos anos setenta levarían á fábrica a solicitar acollerse aos beneficios do Restructuración de la Industria Textil Algodonera. A actividade fabril restrinxiuse entre 1970 e 1980, mantendo en actividade soamente 16 teares. A imposibilidade financeira de substituír a maquinaria obsoleta por tecnoloxía moderna, sumado ao elevado custe da materia prima, levaron ao cese total da actividade empresarial en 1995.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Alfolín do sal

Cerería Cortizo

Fraiz S.A.

Fábrica de lámpadas Iria