Fábrica de lámpadas Iria

Fábrica de lámpadas Iria - Padrón - Santa María de Iria Flavia

Imaxe: Manuel Lara

A industria padronesa de lámpadas eléctricas comezaría a súa produción en 1929 (Seijas Llerena, 2011) e consonte Freire Esparís (2007) no momento da posta en funcionamento Iria, S.A. contaba cunha fábrica de gas e outra de bombillas que complementábase coa fábrica de casquetes para lámpadas eléctricas da que figuraba como propietario e director técnico Estanislao Pérez Rey, máis coñecido como Tanis de la Riva, e co forno de vidros planos e ocos con catro crisois que figuraba no libro de matrícula industrial ao nome de Ángel Valverde Prado.

No ano 1929, por iniciativa do padronés Estanislao Pérez Artime, un grupo de empresarios da Santiago e Padrón establecían unha sociedade anónima para a fabricación de lámpadas de incandescencia. No conxunto dos socios destacaban os irmáns Pérez Artime (Estanislao, Isidoro e José), os irmáns Pérez Rey (José, Manuel e Estanislao, fillos de Tanis), a casa bancaria Riestra (representada polos irmáns Ignacio e Francisco Riestra Calderón) e a casa bancaria Juan Sáenz Díez (Banco Simeón). Completaban o accionariado o comerciante santiagués Miguel Martínez de la Escalera e o vilagarcián Santiago Rey Daviña, ademais do comerciante de Pontecesures Antonio Domínguez Orense (cuñado de Tanis) e outras persoas.

As edificacións fabrís levantáronse en Iria, fronte as instalacións da Azucreira de Padrón, ao carón da vía ferroviaria e non lonxe da estación do ferrocarril. Nas primeiras semanas de actividade, no ano 1929, e mesmo antes de constituírse formalmente a empresa, os produtos fabricados non posuían a calidade mínima esixible, co conseguinte descrédito e descapitalización da empresa.

O presidente e principal accionista da compañía, Estanislao Pérez Artime, destitúe entón ao director técnico, Francisco de Salas Rodríguez, substituíndoo polo enxeñeiro alemán Karl Feutcher, até entón director técnico da fábrica madrileña Castañeda y Cía. Co cambio da dirección técnica, a fabricación comeza a producir excelentes produtos o que, xunto coa política de trocar gratuitamente os produtos defectuosos por outros en perfectas condicións de funcionamento, mellora inmediatamente a posición da empresa no mercado estatal de lámpadas de incandescencia.

A fábrica padronesa atópase entón coa oposición organizada das outras fábricas instaladas en España á utilización por Iria das patentes de fabricación existentes. A dirección de Iria decide entón orientar a fabricación cara a un modelo de lámpada sobre o que a organización de fabricantes non pode obxectar, mais o conxunto empresarial procede a unha importante baixada dos prezos coa intención de expulsar a Iria do mercado.

Pese a todos os atrancos da competencia, Lámparas Iria foi quen de facerse un oco no mercado galego, ao que subministraría lámpadas eléctricas de incandescencia. Co comezo da Guerra Civil (1936-1939) a empresa padronesa melloraría notablemente a súa cota de mercado, ao quedar os restos dos fabricantes españois de lámpadas (madrileños e cataláns) na zona fiel á república e non poder vender nas zonas baixo control do exército franquista.

A empresa tivo desde a súa fundación unha grande preocupación pola súa imaxe publicitaria, coa inserción de ilustracións nos principais xornais e, como fixera antes La Artística, coa produción en 1930 dunha película publicitaria con imaxes do interior da fábrica e os obreiros traballando. Os carteis publicitarios conxugan humorismo e modernidade gráfica, algúns con deseño de Penagos e crea ilustracións publicitarias que reproduce nos principais xornais galegos. Estes esforzos son reflexo da grande preocupación da empresa pola creación dunha boa imaxe de marca. Tamén fixo outros elementos publicitarios como probadores en forma de lámpadas, que se enchufaba á electricidade e ao tocar a lámpada víase se funcionaba.

Despois do falecemento do seu fundador en 1945 e do relevo na dirección da empresa exercido polo seu fillo, renova a súa imaxe empregando unha marca con "i" grego, composta nunha sutil tipografía semi-romana subliñada por unha liña imitando un raio quebrado de luz eléctrica.

O fundador da empresa, Estanislao Pérez Artime, Tanis de la Riva, naceu en Padrón no 1881 e finou en Vilagarcía de Arousa o 12 de marzo de 1945. Foi un industrial e político galego, ademais de fotógrafo afeccionado. Era fillo do comerciante José Ramón Pérez de la Riva, procedente de Ortigosa de Cameros (A Rioxa), e da padronesa María Dolores Artime Pérez, irmá de Eloy Artime Pérez. Foi concelleiro en Padrón e representaba no distrito de Padrón a Rafael Gasset Chinchilla e despois ao deputado Antonio Rodríguez Pérez. Foi deputado provincial en 1923 e vicepresidente da Deputación, nomeado presidente da Deputación da Coruña a finais de 1935. Ao estalar a sublevación militar do 18 de xullo de 1936 foi represaliado, ao ser acusado de "jefe de los izquierdistas de Padrón" permanecendo unha temporada no cárcere de Santiago de Compostela. Cando saíu del, deu cartos para reparar o presidio, co fin de mellorar as condicións nas que se atopaban os presos. Logo pasou a unha habitación do Hotel Compostela, baixo vixilancia pagada por el, mais unha denuncia da Falange de Padrón fixo que o levaran ao Sanatorio Baltar. Foi expedientado pola Comisión Provincial de Incautacións de Bens en 1937, tras o que fixa a súa residencia en Vilagarcía até a súa morte en 1944

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Fábrica de lámpadas Iria

Cerería Cortizo

Fraiz S.A.

Alfolín do sal