Casa de Nicasio Pajares

Casa de Nicasio Pajares - Padrón - Santiago de Padrón

Imaxe: Padrón Turismo

A obra literaria de Nicasio Pajares está marcada pola emigración. O seu paso polas terras riopratenses deixaron unha pegada imborrable nos seus textos, que son un testemuño precioso da emigración en xeral e dos estereotipos dos galegos no Prata en particular.

Agapito Francisco Nicasio Pajares Ojeros naceu nesta casa da Trabanca o 14 de decembro de 1881. O seu pai, Celestino Pajares Miguens, foi militar, chegando a acadar o grao de tenente de infantería. Destinado en Filipinas, falecería dunha grave enfermidade ao pouco de regresar deste arquipélago. Xa que logo, súa nai, Esclavitud Ojeros Tarela, tivo que se facer cargo da educación do neno Nicasio Pajares. Tras recibir as primeiras letras na súa localidade natal, marchou interno a un colexio madrileño para orfos de militares. As súas experiencias na emigración comezaron en idade temperá. Así, con catorce anos emigrou a Montevideo reclamado polo seu tío Vicente Pajares Miguens, maior do exército uruguaio. Non obstante, este primeiro ensaio migratorio pouco durou, pois retornou a Galicia pasado un ano.

No entanto, axiña volvería emigrar, desta volta á Arxentina. En Bos Aires comezou a traballar nun comercio de tecidos, negocio propiedade dos fillos do médico padronés Gumersindo Eiriz. Despois instalouse pola súa conta como licorista clandestino ou vendedor ambulante de crecepelos, percorrendo grande parte do territorio arxentino desde o Chaco até a Patagonia. Todas as vivencias destes anos incorporarías máis tarde á súa obra literaria. Arredor de 1905 trasladouse a Rosario (Provincia de Santa Fe), onde participou na fundación do semanario El Despertar Hispano, publicación de orientación ácrata. En 1906 realizou unha viaxe a Galicia. No transcurso desta viaxe foi detido en Vigo acusado de anarquista, permanecendo varios días preso.

De volta na Arxentina dedicouse por completo ao xornalismo. Colaborou nas revista Mundo Argentino, da que foi xefe de redacción, e Fray Mocho. En 1910 viaxou a España para acadar a representación oficial das revistas La Esfera, Nuevo Mundo e Mundo Gráfico en America do Sur.

En 1919 regresa de xeito definitivo a España, fixando a súa residencia en Madrid. As letras foron tamén a súa principal dedicación tras o seu regreso. Colaborou coa revista España que dirixía Luis Araquistain. Axiña ía comezar unha vizosa carreira literaria marcada polo seu paso pola emigración, que deixou unha fonda pegada na súa obra. En 1923 publicou a súa primeira novela: El conquistador de los trópicos, obra na que o seu protagonista, Ulises Yáñez Quintanilla, chega a Bos Aires con dezaseis anos de idade. Inaugura esta obra o subxénero das “novelas de ditadores”, que máis tarde tería como continuadores a Valle-Inclán, García Márquez, Roa Bastos, Miguel Ángel Asturias ou Vargas Llosa.

En 1925 deu ao prelo El pensador en la selva: la indiada, la negrada y la gringada en las Repúblicas del Plata. Nesta obra destaca a caricaturización dos italianos a través das prédicas dun suposto "filósofo" inmigrante galego morto en América, Francisco Fernández Sinsegundo. Desprezo cara a cultura crioula e cara a mulatos e negros, denuncia da hispanofobia latexante na opinión pública arxentina e, sobre todo, ridiculización dos italianos.

En 1929 publicou Atorrántida, novela onde algún dos personaxes galegos son caracterizados pola súa peculiar fala. En 1930 publicou Don Quijote y tío Sam: novela pseudo-histórica y fantástica. En 1931 viu a luz Cómo pervirtieron a Palleiros. Nesta novela Pajares describe con dura ironía o mundo da emigración no Uruguai. A reacción desmesurada fronte ao esluído prexuízo social antigalego simbolizábase no repentino desnamoramento do protagonista, un novo inmigrante galego en Montevideo, da súa moza uruguaia que non casaba con el porque "sós gayego".

Pajares tamén destacou pola súa produción teatral. Así, en 1922 publicou Teatro de la emigración, libro no que recollía varias pezas que tiñan en común o mundo da emigración. Así, o libro contiña as obras Honrado comercio: drama en tres actos (na cal satiriza aos fillos de Gumersindo Eiriz, propietarios do comercio de tecidos onde comezou a traballar en Bos Aires) e El triunfador Castiñeiras: comedia en un acto.

Casado desde o 2 de setembro de 1920 con María Escolano. Faleceu en Madrid o 26 de abril de 1956. As fundacións Rosalía de Castro e Camilo José Cela levaron a cabo un importante labor de recuperación da súa figura.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Escola de Cruces

Pazo da Inquisición

Escola de Arretén

Pazo do Bispo de Quito