Pombal de Bustelo

Pombal de Bustelo - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: Xoán Xosé Vicente

Situado no lugar chamado Bustelo, preto das aldeas de Rialiño, Paizal e Traxeito. Neste punto tan só existen un par de vivendas, un alpendre e o pombal, ademais dun muíño xa máis abaixo, que era o que daba luz eléctrica a este pequeno enclave.

De planta circular e con muros de cachotaría de granito, co exterior recebado con barro e cal. Ten un van alintelado para a entrada, non conservando a folla de madeira. Na parte superior presenta unha repisa perimétrica de lousas, con buratos para a entrada e saída das pombas. Cuberta de tella do país, en bastante mal estado, sobre un entramado de madeira. No interior son perfectamente visibles os nichos cadrados de pedra para as pombas, así como a repisa perimétrica na parte inferior para impedir o acceso dos ratos aos nichos, e os restos da mesa de pedra no centro, para botar a comida das pombas no inverno. Parece que intentaron roubar as pedras da mesa, que actualmente está caída. O pombal é dificilmente visible ao ficar bastante oculto pola vexetación.

Forma parte do conxunto composto de vivenda tradicional de pedra e de grandes dimensións e de alpendre para corte, tamén de pedra. A casa estivo en mans, polo menos, de tres familias: os propietarios orixinais, dos que o actual propietario non lembra o nome; os Taboada, antigos caseiros da casa que acabaron comprándoa; e os pais de Manuel Romero, que tamén foron caseiros da vivenda, e acabaron comprando unha parte (a outra parte a comprou a familia dos Brañeiro). Trataríase pois dunha vivenda de gran notoriedade, de familia adiñeirada, posiblemente do século XIX, se non anterior.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-OC026
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Obra civil
  • Cronoloxía: Século XIX
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: Bustelo
  • Acceso a pé: Regular
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Aínda que as vivendas e a zona está en absoluto estado de abandono, o pombal consérvase en bastante bo estado, aínda que cuberto de vexetación. Así mesmo, a cubrición está medio derruída. Non conserva a folla de madeira da entrada e a mesa do interior está caída.

  • Protección:

    Non

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatríz Pereiras en 2010

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Pombal de Castro

Reloxo de sol Nº 2 de Bustelo

Reloxo de sol de Manselle

Lacena de Pexegueiro