Hórreo de Tarrío

Hórreo de Tarrío - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: Beatriz Pereiras

Situado nunha finca privada pechada, a xeito de portada de entrada pola parte traseira. Pertence á casa nº 87, no lugar coñecido como a Banda de Tarrío.

Moi fermoso e singular exemplo de hórreo mixto con arco alintelado na repisa para permitir o paso por baixo. A cimentación é unha repisa alta de cachotaría de granito, duns 3 metros de altura, cun van alintelado no tramo medio para permitir o paso dos carros antigamente, e actualmente do coche, á propiedade pola parte traseira. Os linteis do arco foron de feito rebaixados lixeiramente e para permitir o paso dos coches. Orixinalmente o hórreo tiña xa unhas esqueiras de pedra acaroadas paralelamente ao claro norte para subir ó hórreo. Posteriormente, cando a actual propietaria era pequena, fíxose unha plataforma de pedra (traída do monte de Bexo) acaroada ao lateral leste do hórreo, para permitir o acceso polo lateral, onde presenta dúas portas de madeira, suxeitada por baixo con unha columna de pedra, formando unha especie de pórtico no interior da entrada á propiedade. Ten cinco cepas de pedra, con moldura rectangular na parte superior. O tornarratos é unha peza corrida ao longo do corpo do hórreo. Ten catro claros, con balaústres de madeira e dúas cintas, aínda que conserva a madeira en mal estado, sobre todo no lateral oeste, faltando o peche do claro norte. Non ten linteis. Columnas de pedra e cornixa de madeira. Penal dianteiro de pedra co van alintelado para a porta, non conservando a folla de madeira; e penal traseiro de pedra con catro fendas de ventilación horizontais. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. A cubrición é de tella do país, atopándose en moi mal estado. Remates: fermosa cruz latina baixa florenzada con botón central e ángulos en chafrán sobre base cuadrangular; e pináculo en forma de anforeta con remate horizontal cuadrangular. Orientado ao N.

No 2010, di a filla da propietaria que debe ser moi antigo, cerca de douscentos anos, xa que o seu avó xa o herdou da súa nai. A propietaria, que actualmente ten cen anos, lémbrase cando, sendo moi pequena, os canteiros foron coller pedra ao monte de Bexo para facer a actual plataforma que da acceso ao hórreo polo lateral leste. Os claros chegaron a estar repartidos entre 14 persoas, todas familiares.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO032
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: Tarrío
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Moi mala, coa madeira e a cubrición en moi mal estado, faltándolle a porta frontal e sendo visible unha parede interior de ladrillo separando o claro do norte do resto.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 166)

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Eira da Lavandeira de Imo (11 hórreos)

Hórreo de Manselle

Hórreo de Bexo

Hórreo de Castro