Escola da Emigración de Tallós

Escola da Emigración de Tallós - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: David Fontán

Edificio situado nunha parcela elevada con respecto á rúa, o que se solucionou coa construción dunha plataforma elevada. Todo o recinto está pechado por un muro de cantaría que o rodea. O acceso principal é unha escalinata de pedra que lle dá unha certa monumentalidade ao conxunto.

Trátase dun edificio dun só andar, de forma rectangular, e construído en cachotaría regular. Ten cuberta de tella a dúas augas que xera un baixocuberta. Nas fachadas apenas conta con motivos ornamentais, agás a cantaría nos remarques dos vans, nos esquinais e no baseamento. Unha cornixa con molduras percorre todo o edificio.

Enriba da porta principal hai unha placa na que se pode ler o nome da sociedade promotora “Sociedad de Agricultores DE LAS TRES PARROQUIAS DE DODRO”.

A escola tiña inicialmente dúas aulas separadas por un vestíbulo. No baixocuberta estaba a vivenda do mestre/a. Sábese que a intención da sociedade promotora era que o edificio funcionase tamén como sede do sindicato agrario da parroquia, mais non sabemos onde estaba situada.

Detrás da escola hai unha estrutura independente feita en 1921, con muros de pedra, tellado a dúas augas e dous accesos independentes, que eran os aseos para os alumnos e alumnas.

O centro escolar funcionou como tal até mediados dos anos 70 do século pasado. De feito, na fachada principal, hai outra placa en que se pode ler “A D. Francisco Méndez Seoane, maestro de esta escuela desde el año 1931 al 1974. Sus ex alumnos de Buenos Aires. Agosto de 1992”.

A sociedade Hijos de las Tres Parroquias de Dodro en Buenos Aires, promotora desta escola, foi creada por emigrantes de Dodro residentes na capital arxentina. Desde os seus comezos, contaron co apoio na súa terra natal da sociedade agraria de San Xián de Laíño. Entre os seus fundadores pódese citar a Tomás Viturro (primeiro presidente da entidade), Ramón Torrado, Perfecto Blanco, Manuel Reboiras ou Manuel Viturro, entre outros.

Con finalidades agraristas e instrutivas, os seus estatutos sociais recollen que entre as súas prioridades están apoiar a loita do sindicato agrario da súa parroquia contra o caciquismo local e axudar no desenvolvemento da instrución da xuventude da súa terra natal. Ao pouco tempo da súa fundación, fan un envío de 6.000 pesetas á sociedade de agricultores, para a construción en Tallós deste edificio, que debía funcionar como a súa sede e no que debían habilitar unhas aulas para escola dos nenos e nenas da parroquia. En decembro de 1916, hai noticias do remate das obras e da inauguración do edificio. Ademais do financiamento das obras, mandan cartos periodicamente destinados ao seu mantemento e ao pagamento do soldo do mestre, até o ano 1956.

Esta entidade formou parte da Federación Agraria del Distrito de Padrón en Buenos Aires, entidade que tiña como voceiro a revista El Eco de Teo. O nome da sociedade fai referencia á orixe parroquial dos socios fundadores. En 1940, debido ao cambio de finalidades, prodúcense disensións que provocan a súa disolución. Uns meses despois, en novembro dese ano, volve refundarse xa con fins mutualistas e recreativos baixo o nome de Unión Residentes de Dodro en Buenos Aires.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-AC005
  • Outras denominacións: Casa-Escola de Tallós
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: 1916
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xián de Laíño
  • Lugar: Tallós
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Tras a súa rehabilitación, pasou a ser casa de cultura e biblioteca municipal.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (AC-10)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro, aprobado o 27 de decembro de 2010

    Patrimonio Galego

    Consello da Cultura Galega

    Consello da Cultura Galega

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa reitoral de San Xoán de Laíño

Casa do Corral

Casa das Señoritas de Rial

Casa de Eusebio Lorenzo Baleirón