Muíños de vento do Monte Mesón

Muíños de vento do Monte Mesón - Catoira - San Mamede de Abalo

Imaxe: Cristina Conde Escaloni

Un total de tres muíños que, identificados de noroeste a sueste, reciben os nomes de: Muíño do Monte Mesón, Muíño de Míguez e Muíño do Loureiro. Trátase dunha tipoloxía de muíño moi pouco evolucionada, do tipo de torre fixa con cuberta tamén fixa, asentado directamente sobre o terreo, sen plataforma algunha.

A torre é cilíndrica, de 3,10 metros de diámetro interior e máxima altura de muros de 2,80 metros. As paredes son de cachotes con rachas, dun grosor máximo de 80 centímetros, cun só perpiaño no lintel da porta, que é o único van disposto. A cuberta é a dúas augas, de tella do país. No solado preparouse un sinxelo piso (o tremiñado) feito de pedras irregulares baixo o que se dispón o sistema de regulación do muíño (a mesa).

Ao carecer de sistema de orientación das aspas cara ao vento, os elementos mecánicos do muíño son ben simples. O eixo horizontal (a viga) atravesa diametralmente os muros da torre, a 1,60 metros sobre o solado, apoiando sobre unhas pezas de madeira (os zoquetes) que fan de buxas. O eixo ten a orientación do nordeste ao suroeste, que é a dos ventos dominantes no emprazamento.

Xa no exterior do muíño e en ambos os dous extremos do eixo, catro varas (os vareiros) crúzano, unidos de a dous por outras varas (os travesos) nas que se colocan as aspas (os abanos). Nestes muíños os abanos consisten nunhas táboas unidas entre si formando unhas pezas rectangulares de aproximadamente 1,50 metros de longo por 0,50 de ancho.

O eixo soporta no interior un engrenaxe vertical de 1 metro de diámetro construído á maneira das rodas dos carros do país, que dispón na súa periferia de 36 dentes de madeira, suxeitos cun aro ou cintón de ferro que rodea á roda.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Muíño de vento de Viladesuso

Pombal Nº 1 das Rañas

Reloxo de sol da Igrexa de San Pedro de Dimo

Pombal Nº 2 das Rañas