Reloxo de sol da Igrexa de San Pedro de Dimo

Reloxo de sol da Igrexa de San Pedro de Dimo - Catoira - San Pedro de Dimo

Imaxe: Cristina Conde Escaloni

No lado leste da Igrexa de San Pedro de Dimo localízase este reloxo de sol. A súa data de construción descoñécese, xa que as letras do cuadrante son ilexibles, mais podería datar do  século XVI, xa que os muros e os contrafortes que conserva a igrexa pertencen a esta data. O reloxo é de granito, plano e pertence á categoría ortomeridiano, que é o máis frecuente en Galicia.

Trátase dun reloxo vertical co gnomon orientado ao sur, formando un ángulo coa faz, dacordo coa latitude. A liña das 12 horas (non ten que marcar exactamente as 12 do mediodía) cae xustamente en vertical, e as horas da mañá e da tarde repártense simetricamente á esquerda e dereita respectivamente, formando os ángulos correspondentes. As medidas do rectángulo son aproximadamente: 70 centímetros de alto e 55 de ancho.

Na parte superior do cuadrante hai unha elaboración triangular (30 centímetros de alto aproximadamente) cunha estrela de 6 puntas na parte alta, unha cruz cristiá debaixo, e aos lados, motivos eclípticos.

O gnomon é de estilo vertical xa que na mesma hora, segundo a estación do ano, a sombra proxecta inclinacións diferentes. Importante ter en conta o desfase entre a hora solar e a hora legal; polo que haberá que sumar, unha hora en inverno e dúas no verán, para obter a hora oficial.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Muíños de vento do Monte Mesón

Reloxo de sol do Pazo da Baiuca

Pontella de San Salvador

Ponte Vella de Catoira