Petróglifo da Foxa Vella
Imaxe: Megaliticia
Trátase dun dos primeiros gravados descubertos no Concello de Rianxo. Localízase nunha laxe próxima á vía rápida, aos pés do Monte Pelotiña. O petróglifo está composto por motivos concéntricos e armas. Máis recentes son as figuras de cruces e unha curiosa “estrela de David”.
Descrita por primeira vez por F. Calo Lourido e J.M. González Reboredo (1980), trátase dunha laxe rectangular cos bordos redondeados situada a ras do chan e cunha pequena pendente cara o sur que semella acentuada pola diáclase transversal que divide a rocha.
No seu amplo panel mestúranse motivos de formas xeométricas pertencentes ao repertorio tradicional da arte rupestre galaica como coviñas, círculos simples, varias combinacións circulares, un suco de N a S e os motivos naturalistas representados por un interesante conxunto de armas composto por puñais, alabardas e espadas. Represéntanse ata tres alabardas de folla triangular con crista central e polo menos dous puñais cun pequeno mango así como varias espadas situadas na parte inferior da laxe que representan modelos da primeira etapa da metalurxia do noso país e que podemos comparar co depósito de cinco puñais e unha alabarda atopados no Monte Lioria tamén na parroquia de Leiro, na actualidade en deposito no Museo arqueolóxico e histórico do Castelo de Santo Antón.
As formas xeométricas concéntranse na parte superior da laxe situada ao norte. Os gravados desta zona semellan mellor conservados, con motivos con sucos máis profundos. Pola contra as armas aparecen distribuídas por toda a laxe se ben é certo que na parte inferior, máis inclinada e afectada polo acusado desgaste producido polo paso da auga, consérvanse máis degradados os deseños. Ao carón dos gravados prehistóricos figuran numerosos motivos históricos, principalmente cruces e unha especie de “estrela de David”. Estes gravados están situados na parte oeste e á esquerda do suco que percorre a laxe. Poden tratarse de marcas de cristianización ou quizais de delimitación territorial semellantes a motivos presentes en multitude de estacións rupestres de toda Galicia.
Un caso aparte é o da representación dunha pequena man gravada na zona inferior da laxe motivo este de difícil adscrición cronolóxica e que constitúe un únicum dentro do ámbito rupestre galego.
- INFORMACIÓN
- Código: RI-AQ014
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Arqueoloxía
- Cronoloxía: Calcolítico
- Concello: Rianxo
- Parroquia: Santa María de Leiro
- Lugar: A Foxa Vella
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (GA15072019)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
- Referencias:
Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.670344609978 , -8.7750305837303
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.