Igrexa de San Xens de Bamio

Igrexa de San Xens de Bamio - Vilagarcía de Arousa - San Xens de Bamio

Imaxe: Vanesa Lago Somoza

Esta é a igrexa parroquial de Bamio. Trátase dunha construción de estilo barroco, que está datada na segunda metade do século XVIII. Foi realizada con cantaría, aínda que existen lugares onde se aprecia tamén o uso da cachotaría, por exemplo no muro da cabeceira. A fachada principal é austera, trátase dun lenzo no que na parte baixa ábrese unha porta de acceso e sobre ela unha ventá (ambos vanos posúen formas alinteladas), rematada por un tellado a dúas augas. Carece de calquera tipo de decoración a excepción de dous pináculos nos extremos do tellado e unha cruz sobre o cumio do mesmo. A presenza dos pináculos apréciase en todas as esquinas do tellado, estando o ciborio decorado novamente cun pináculo ricamente decorado, rematado nunha cruz de ferro.

Dentro desta arquitectura deben destacarse varios detalles, un deles son os impoñentes contrafortes que sustentan as bóvedas. Tamén hai que mencionar que o ciborio se atopa sobreelevado, é dicir, está máis alto que a nave principal. Por último salientar o feito de que a cabeceira é de formas rectas. 

Existe unha pequena pía bautismal de mármore no exterior do recinto relixioso, concretamente no lado norte, xunto a ela localízase un banco corrido no muro da capela lateral (dito banco tamén existe na capela lateral do lado sur). Tamén hai unha pía realizada en granito que se atopa no exterior da cabeceira decorada cunha serie de relevos.

O interior da igrexa está revestido e pintado de cor branca, sobresaíndo as súas bóvedas en pedra vista. Destaca o seu sinxelo retablo en cores marróns e verdes, o cal está presidido pola talla de San Xinés, e tamén resalta a custodia dourada que se coloca fronte ao retablo. No interior da igrexa existen varias tallas de santos e santas.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VI-AR002
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: Século XVIII
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: San Xens de Bamio
  • Lugar: O Campanario
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa (88 PHA)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa, aprobado o 2 de abril de 2000

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Igrexa de San Xens de Bamio

O Campanario

San Xoán Vello de Bamio

Capela de San Xoán de Bamio