Castro da Roda
O castro presenta un dobre recinto central, conformado a dous niveis (a separación entre a parte superior ou croa principal e o segundo nivel soluciónase cun pequeno terraplén), defendido en todo o seu perímetro por un alto e potente terraplén. Cara o interior do recinto superior ou croa principal, pode observarse a existencia de parte dun pequeno parapeto (1 metro de altura aproximadamente), visible na parte sueste deste recinto superior. O segundo recinto, nun nivel un tanto máis baixo, esténdese por toda a metade norte do asentamento. En conxunto, este dobre recinto central presenta unha forma tendente á ovalada, en sentido leste-nordeste e oeste-suroeste. O terraplén que bordea e defende este conxunto, moi elevado, chega a acadar uns 10 metros de alto, mantendo esta altura de xeito bastante regular en todo o seu perímetro. A esta conformación de dobre recinto central máis terraplén, engádese polo sector sueste, unha pequena terraza, conservada só en parte, xa que na zona sur aparece interrompida polas modificacións feitas para unha plantación de piñeiros e polo transcurso da antiga N-550, que actúa como desvío da estrada actual.
É a parte norte-noroeste do castro a que presenta unha maior complexidade defensiva. Así, aparece aquí un foxo, duns 5 metros de anchura a escasa profundidade na actualidade, que probablemente fose colmatado). Despois desta liña de foxo, na parte noroeste aparece unha especie de farallón térreo, con forma máis ou menos triangular, que podería interpretarse como un reforzo do sistema defensivo do castro.
A liña de foxo aparece interrompida pola actual N-550, que o corta transversalmente. A continuación deste foxo, coincide cunha pista de terra, situada na beira oeste da estrada. Agás neste sector setentrional, onde o castro ve incrementado o seu sistema defensivo cos elementos arriba descritos, en todo o perímetro restante do xacemento, as defensas parecen que se reducirían ao terraplén que bordea todo o recinto central, ao que se uniría a propia pendente natural do terreo, en caída até o río, que bordea a maior parte do asentamento.
- INFORMACIÓN
- Código: VA-AQ011
- Outras denominacións: Roda do Castro ou Castro das Cernadas
- Tipoloxía: Arqueoloxía
- Cronoloxía: Idade do Ferro
- Concello: Valga
- Parroquia: San Salvador de Setecoros
- Lugar: Cernadas
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Moi alterado no sector oeste, onde o transcurso da actual N-550 corta a liña de foxo e altera a caída orixinal do terraplén defensivo. A outra gran zona de alteración é a parte sur, modificada polos labores agrícolas e forestais e por un ramal da estrada nacional. A zona oriental aparece bordeada pola autoestrada AP-9, que non chega a alterar o xacemento.
- Protección:
PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-11: GA36056002)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
- Referencias:
PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.6631426735 , -8.6361723966
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.