Muíño de Fidel

Muíño de Fidel - Dodro - Santa María de Dodro

Imaxe: Xoán Xosé Vicente

Muíño de cubo con tellado a dúas augas, aínda que unha delas de escasamente 1 metro. Dunha altura aproximada de 6 metros até o cume, consta de dúas alturas diferenciadas, posiblemente con dous andares, coas paredes de cantería. Ten unha soa pedra de moer, nun espazo interior duns 30 metros cadrados. En tempos, tiña un piso superior de madeira para almacenar diferentes materiais para a moenda. A auga corre por unha canle de cantaría arriba dun muro de cachotaría de 30 metros de longo, que alcanza os 5 metros de alto na parte que une co muíño. O cubo ten unha altura duns 5 metros e está formado por unha ducia de pedras de forma cilíndrica, cun burato no medio polos que cae a auga até o rodicio. É o único muíño que queda na aldea de Lestrobe dos catro que chegou a contar. Anteriormente a ser de Chuco, servíanse del dous primos de Fidel de Lestrobe, Os Lapido.

No libro “Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga” de Manuel Lorenzo Baleirón, descríbese que “O Muíño de Fidel e o do Regueiro, agora destruído, están do lado de riba da aldea de Lestrobe. Gonzalo Gayoso Carreira, na monumental Historia del papel en España, cóntanos que no ano 1759 estaba en activo no Couto de Lestrobe un muíño de papel ordinario e de estraza, que “polas curtas facultades do seu dono só fabricaba unha pequena cantidade de resmas ó ano”. Puido ter sido o de Fidel pois o outro era de menores dimensións e os outros dous que houbo á beira da estrada eran xa eléctricos. Durante os séculos XVIII e XIX sería o único existente en toda a Terra de Iria e da Arousa ata a fábrica do Faramello. O papel elaborábase a partir de trapos vellos, sobre todo de liño, macerados en lixivia, machacados no batán dos muíños ata deixalos reducidos a unha pasta que se botaba en moldes. Cóntanos o Padre Sarmiento que foron dous galegos, en 1470, os que construíron os primeiros muíños de papel en Basilea e en Alemaña.

Gonzalo Gayoso Carreira, na súa obra “Historia del papel en España”, di: “¿No constituiría este pequeño y anónimo molino papelero del que no se dá su fundación, el último eslabón que quedó de la industria papelera gallega, que según Sarmiento o su transcriptor, se permitía enviar operarios suyos (precisamente de Lestrobe) a implantarla en otros países?”.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-AA025
  • Outras denominacións: Muíño de Chuco
  • Tipoloxía: Arquitectura da auga
  • Cronoloxía: Século XVIII
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: Santa María de Dodro
  • Lugar: Lestrobe
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CP-41)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Sendeiros de Dodro

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro, aprobado o 27 de decembro de 2010

    Patrimonio Galego

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Lavadoiro de Bexo

Fonte de Tarrío

Fonte Primeiral

Muíño Nº 5 de Bustelo