Panorámica do Monte Muralla

Panorámica do Monte Muralla - Rianxo - Santa Baia do Araño

Imaxe: G24.gal

O punto máis alto e setentrional de Rianxo, a 678 metros de altura, está inmerso nun parque eólico. Pódese acceder desde O Araño ou desde Burés. Hai pista asfaltada até a coñecida coma A Pedra dos Concellos, punto onde se dividen os concellos de Rianxo, Lousame, Rois e Dodro. Desde alí pódese ascender polas novas pistas de terra do parque eólico.

A vista sobre a desembocadura do Ulla e a Ría de Arousa e Vigo, está marcada como un fito de excursionista e afeccionados ás rutas de montaña. Polo norte domina sobre as terras altas dos concellos de Lousame e Rois, ao leste ten o Monte Treito e un curioso fito ou marco de catro caras que fai de límite e división dos concellos de Dodro, Rianxo, Rois e Lousame.

En días claros pódese observar a totalidade da Ría de Arousa, tanto a costa norte (Boiro, Pobra, Ribeira) coma a costa sur (Vilagarcía de Arousa, a Illa de Arousa...), a Ría de Muros e Noia (Noia, Muros, Monte Louro...), Santiago de Compostela, a Ría de Pontevedra, e até preto de Meirama. En días excepcionalmente claros, é posible divisar as torres da catedral de Santiago de Compostela e incluso as Illas Cíes, na bocana da Ría de Vigo, e aínda máis alá, até preto da costa portuguesa.

No cume do Monte Muralla, onde se colocaron ao largo do tempo casetas para a vixilancia de lumes e antenas de telecomunicacións, aínda podemos apreciar polo medio das penedías unhas murallas esborralladas con gran cantidade de cachotaría, ao igual que nas atalaias medievais que se atopan pola contorna, como no Castelo de Fruíme ou o Castelo de San Mamede. Se queremos ver o horizonte do mar e debido á orientación do Muralla, témonos que achegar a outro punto cara o leste, co nome do Miradoiro de 557 metros, que nalgún tempo poderíanse complementar os dous como un lugar privilexiado de control do territorio.

Na contorna pódense atopar curiosas fragas de árbores tupidas e sen monte baixo, ademais de multitude de animais en liberdade: cabalos, vacas e cabuxas.

Este miradoiro está incluído no Catálogo das Paisaxes de Galicia.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-MI014
  • Outras denominacións: Miradoiro da Muralla
  • Tipoloxía: Panorámicas
  • Cronoloxía:
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Baia do Araño
  • Lugar: Monte Muralla
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (N.1.1.)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Rianxo | O mar feito tradición

    Patrimonio Galego

    G24.gal

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Panorámica do Monte do Araño

Panorámica do Alto do Castro

Panorámica do Coto Agudo

Panorámica do Castro Barbudo