Pozo Bastón

Pozo Bastón - Rianxo - Santa Baia do Araño

Imaxe: Fervenzas de Galicia

Fervenza que forma un pequeno estanque natural no río Té de gran atractivo natural, fonte de lendas e supersticións. Debido ao seu calado é posible darse un baño. Accédese desde a parroquia de Araño, remontando o río Té desde Buía e pasando pola pequena aldea da Ferrería. Existe unha pista forestal até preto do lugar, continuando despois por roteiros ou pola beira do río. Preto do lugar, remontando o río, atópase un muíño. Máis arriba, onde o río se divide en dous, subindo pola marxe dereita atópase unha vella carballeira

Do Pozo Bastón, cóntase a seguinte lenda. Un mouro achegouse a un mozo do Araño que estaba facendo o servizo militar en África e preguntoulle de onde era. E como lle dixo que do Araño, o mouro preguntoulle se sabía onde quedaba o Pozo Bastón; o mozo díxolle que si, que o sabía, e entón o mouro faloulle así:

— No Pozo Bastón están encantadas tres das miñas fillas. Se me fixeses o favor de ir alí e facer o que eu che diga para desencantalas daríache o que me pedises.

Como o rapaz estivo de acordo en facerlle aquel favor, o mouro explicoulle ben o que tiña que facer cando se achegase ao pozo e deulle tres bolos de pan. Mais, insistiu o mouro, non perdas os bolos, non lle contes nada disto a ninguén, e, sobre todo, tes que chegar con eles alí sen que lles falte farangullo ningún.

Cando o mozo regresou ao Araño, antes de ir ao Pozo Bastón pasou pola casa e pousou os bolos enriba da mesa da cociña. Mais a muller, curiosa, quixo ver o que había naquel envolto, destapou e levou á boca un anaco dun deles.

O mozo moito lle rifou pero xa non había remedio. Colleu cara o Pozo Bastón e ao chegar, tal e como lle dixera o mouro, botou á auga un dos bolos. De contado viu saír da auga unha moza dunha fermosura nunca antes vista por el. Logo tirou o segundo dos bolos e saíu do pozo outra rapaza tan bonita como a primeira.

Faltaba o terceiro dos bolos, o encetado pola muller. Tirouno e viu como pelexaba por saír da auga unha terceira moza, tamén moi fermosa, mais coxa. Moito turrou a moza mais como ela non era quen de saír do pozo por si soa agarrouse ás súas irmás e... volveron as tres para a auga.

E alí estarán aínda, entre os cachóns de auga batida daquela fermosa fervenza que se chama Pozo Bastón.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Punta Seveira

Cabo do Cepo

Punta de Iñobre

Praia do Castiñeiro