Igrexa de Santa María de Asados

Igrexa de Santa María de Asados - Rianxo - Santa María de Asados

Imaxe: José Alberto Solla Barreiro

É un templo de gran interese polas solucións arquitectónicas que presenta. Construída no século XVI, mide 32 metros de longo e 13,90 de ancho (dimensións máximas exteriores). A sancristía e capelas laterais son de construción máis recente, e a torre data do século XVIII. Presenta planta de cruz latina, co brazo transversal moi curto. Ten dúas capelas laterais de pequenas dimensións e unha terceira dependencia xunto ao altar maior. As naves confórmanse de bóvedas de canon sobre arcos de medio punto. O cruceiro a altura é menor e a bóveda de aresta. As sancristías nova e vella tamén presentan bóveda de canón.

A fachada principal reconstruíuse no século XVIII. A torre campanario ten grandes dimensións e está situada no eixo da fachada, algo pouco común nesta zona, e divídese en cinco treitos, de planta cadrada; o primeiro corresponde á entrada mesma da igrexa, porta rematada con arco de medio punto, pilastras e frontón triangular partido pola fornela que contén unha imaxe da Virxe. No terceiro corpo encóntrase o campanario propiamente dito que remata cunha pequena cúpula.

Existe unha entrada lateral e algúns ocos de iluminación; ós pés da nave sitúase o coro de madeira. A cuberta é a dúas augas de tella do país; destaca volumetricamente o cruceiro, cuberto a catro augas. Nunha das paredes hai un reloxo de sol, instalado no ano 1993.

Castelao publica no número 73 de 1930 da revista Nós, a historia que recolle dunha vella de Asados. Conta a lenda que uns ladróns van buscar na noite ao cura á casa reitoral. Queren que lles acompañe ao cruceiro do adro, para poñerlle os sacramentos a unha muller que vai morrer, ou sexa, á que ían asasinar. Ao día seguinte apareceu removida a terra nun curruncho do adro, como se alí soterraran a un defunto aquela noite.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Igrexa de San Salvador de Taragoña

Ermida de Santa Lucía

Igrexa de Santa María de Leiro

Ermida de San Pedro de Vilas