Muíño Nº 2 da Ermida

Muíño Nº 2 da Ermida - Rianxo - Santa Baia do Araño

Imaxe: Urbanismo Rianxo

Conxunto de dous muíños á beira do regato do Campo Treito, ao leste do lugar da Ermida. Construcións de plantas rectangulares resoltas con muros de cachotaría de granito e cubertas a unha auga. Accesos nun lateral mediante porta alintelada, e pequenas fiestras no resto das fachadas. Canle de cachotes de granito que baixa do monte e atravesa as dúas construcións, apoiada puntualmente sobre pilastras.

No río Té, houbo 55 muíños en funcionamento, no pasado século antes de vir a electricidade. A forma de propiedade máis común eran os muíños de herdeiros ou de parceiros. Estes pertencían a varios veciños, e moíase por quendas. Os muíños de maquía, pertencían a un so propietario. Normalmente eran grandes e servían tamén como vivenda do muiñeiro e da súa familia. O muiñeiro cobraba unha parte da fariña, a maquía, que era proporcional á cantidade moída.

Arredor dos muíños desenvolveuse un rico folclore e cultura popular: ditos, refráns, contos e cantigas.... que teñen como protagonistas as xornadas que se pasaban no muíño, xa que eran lugares de conversa e socialización mentres se agardaba a que rematase de moer. Incluso o baile máis típico de Galicia, a muiñeira, ten a súa orixe nos tempos de espera no muíño.

Eu caseime no Araño,

pensando que había pan.

O forno de miña sogra,

cría silvas no verán.

---

Fun ao muíño con Paula,

fun ao muíño con ela.

Ela durmiu nos meus brazos

eu durmín nos brazos dela.

---

O muíño de meu pai,

non é muíño, é convento.

Os casados para fóra,

os solteiros para dentro

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-AA036
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura da auga
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Baia do Araño
  • Lugar: A Ermida
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Cuberta actualmente derrubada.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (M-006)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Roteiro Ambiental polo río Té (paneis informativos)

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Muíño de Burés

Fonte do Mouro

Muíño de Té de Arriba

Lavadoiro de Buía