Pazo de Rianxiño

Pazo de Rianxiño - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: Liladeva

Edificación orixinal de planta en L á que se lle anexionou un corpo máis, configurando unha U en torno a un patio. Construción de dous andares resolta con muros de cachotaría e cantaría con cubertas a dúas e tres augas de tella. Fachada principal ao norte, cunha escaleira de pedra de dous tramos, de acceso ao segundo andar, con corredor sobre pilastras de granito. Destaca o balcón sobre canzorros e varanda de ferro nun dos corpos laterais. Existe outro volume de recente construción ao nordeste, comunicado co pazo orixinal en planta alta. Na súa finca atópase un grandioso hórreo integramente labrado en granito e un lavadoiro ao que se accede directamente desde a rúa.

Este pazo é un dos monumentos máis importantes de Rianxo. Foi construído pola familia Posse a mediados do século XVIII (1740), de estilo barroco. Herdado por Manuel Viturro Rivela e despois polo seu fillo Manuel Viturro Posse.

Manuel Viturro Pose foi o famoso cacique local de Rianxo entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX. Foi alcalde de Noia e secretario da Deputación da Coruña, así como líder do Partido Liberal de Rianxo. Tamén lle foi concedida a Gran Cruz de Isabel a Católica en 1920. Ademais diso, foi un político que moveu importantes influencias locais e provinciais sendo para Castelao un verdadeiro exemplo do caciquismo que a comezos do século parasitaba as institucións e a vida socioeconómica galega. Castelao caricaturizou en moitas ocasión, no semanario local de Rianxo El Barbero Municipal, mais o grande emblema deste cacique era o seu o Pazo de Rianxiño, máis coñecido polos veciños como Pazo Viturro.

Foi no último terzo do século XX cando as Franciscanas se fixeron co pazo. Empregado pola congregación para actividades como retiros espirituais ou convivencias. Actualmente o pazo pertence ao Concello de Rianxo, no que está proxectado a creación dun centro de día para os maiores.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-AC049
  • Outras denominacións: Pazo de Manuel Viturro , Pazo Viturro ou Pazo dos Viturro
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: 1740
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Comba de Rianxo
  • Lugar: Rianxiño
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (B-027)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Patrimonio Galego

    Roteiro Castelao

    Historia de Galicia

    La Voz de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa reitoral de Santa María de Asados

Casa Rañó

Escola do Vilar

Casa reitoral de Santa María de Leiro