A Aldea Maldita de Abuín

A Aldea Maldita de Abuín - Rianxo - Santa María de Leiro

Imaxe: @ele2diaz

No lugar de Abuín, algo máis abaixo da aldea, atópase un lugar onde vellas vivendas se funden coa fraga nunha mestura de pedras e madeira que invita a deixarse levar neste peculiar lugar. Aquí consérvase un pequeno grupo de casas feitas en cachotaría irregular granítica, todas elas cubertas pola maleza. Aínda que a súa datación é difícil de definir, posiblemente sexan dos séculos XVIII e XIX.

O máis salientable deste lugar son as numerosas lendas que existen e falan da aldea “maldita”, motivo polo que se supón que foi abandonado o lugar polos seus habitantes. Este lugar acolle numerosas lendas que explican o seu despoboamento: unhas din que unha familia tiña enterrado un tesouro; outras, que o tesouro fora enterrado polos pobos nórdicos; noutra incluso se sinala a creación destas lendas coma defensa ante un intento de compra do lugar... A maioría delas contan que estas lendas se crearon precisamente para evitar que os curiosos se achegasen por alí.

A máis probable fora a chegada dunha epidemia ou praga que decimara a poboación, aínda que tamén se fala dun ataque por parte dos viquingos. Mais a lenda que ten máis peso fala dunha maldición por causa do tesouro que os veciños roubaran no Mosteiro da Armenteira e que despois lle deron ao cura para que o agochase. O cura morreu esa mesma noite e, pouco despois, foron detrás numerosos veciños. Aínda que intentaron recuperar o tesouro para devolvelo ao mosteiro, para así librarse da maldición, nunca máis foi localizado e os poucos que sobreviviron decidiron fuxir do lugar. Contan que o tesouro está soterrado baixo unha das casas que aínda conserva parte da súa estrutura, e que antigamente fora a capela. Outra variante desta lenda di que o cura soterrou un cáliz roubado na Igrexa de Santa María de Leiro e que a maldición recaerá sobre quen o atope.

Castelao tamén recolleu varias lenda, como a da “A aldea esquecida”, unha historia que lle contara a súa avoa: “…Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da aldea esquecida. — Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira. Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soubo do tesouro. Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes. Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito. De nada valeu nada. No remate sóubose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben...”.

Tamén Castelao no relato “Camiño esquecido” recrea outra moi parecida: “...Aquela “verea vella” turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máis alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente...”.

O certo é que o lugar presenta unha frondosidade embriagadora que invita a perderse por entre os altísimos eucaliptos mentres as vellas historias que contan sobre ela van circulando coma imaxes pola mente.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casas de Rañó

Casa de Manuel Antonio de Asados

Casa reitoral de San Salvador de Taragoña

Casa Cándido