Gaseosas Zabala

Gaseosas Zabala - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Segundo se conta na web de Buxa (Asociación Galega do Patrimonio Industrial), a primeira elaboración de gasosas en Galicia fixérase en Santiago en 1874, tal vez naquel restaurante que inaugurara na compostelá rúa das Orfas o suízo Antonio Mengotti, como outros compatriotas fuxido do Cantón dos Grisones na procura dunha vida mellor. Dous anos máis tarde, abríase na rúa Nova o Café Suízo, no que os Mengotti tamén ofrecerían a novidosa gasosa.

En 1882, o aristócrata Ángel Zabala de Borines, nado en 1855 en Cangas do Morrazo, funda unha fábrica de refrescos en Pontecesures, Gaseosas Zabala, o Almacén de Coloniais, Ultramarinos Zabala e a primeira liña de autocares Pontecesures-Padrón.

En aqueles anos, Pontecesures era xa un referente industrial e comercial no norte da provincia de Pontevedra, grazas ao seu emprazamento privilexiado convértese nun importante nó de comunicacións, así como o feito de dispor dun activo porto fluvial próximo á estación do ferrocarril, pertencente á primeira liña de ferrocarrís de Galicia.

En aquel vibrante e industrial entorno, Zabala erixe a fábrica de gasosas, nunha finca da súa propiedade, no Camiño de San Xulián, e na que existían uns mananciais de auga coñecidos pola súa gran calidade, do que se conserva a Fonte de Zabala.

O espírito emprendedor de Zabala e o seu ímpeto industrial fan que Gaseosas Zabala se faga un referente na ría de Arousa. En 1890, a fábrica declaraba unha produción aproximada de 300 litros de gasosa á hora, chegando en 1930 a posuír expenderías en lugares como Santiago de Compostela, Lalín, Santa Comba, Rois, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e A Estrada.

En 1901 Gabriel Buceta poría en funcionamento a segunda fábrica de gasosas de Pontecesures. Traspasada en 1905 a José Sierra, en 1907 pasaría a ser xestionada pola taberneira Rosa Braña, que comercializaría o produto co nome de Gaseosas Braña. Serían despois moitos os pequenos negocios que xurdirían por toda Galicia ao abeiro das melloras técnicas que simplificaban os procesos e abarataban os custos.

No decenio de 1960, entre Cesures e Sanxenxo chegarían a contarse na península do Salnés até catorce fábricas de gasosas. Naqueles tempos aínda se contaban por miles as marcas espalladas por España adiante, marcas locais e de elaboración artesanal que desde os comezos da década de 1950 estaban a sufrir a expansión e a competencia das tres primeiras grandes marcas estatais, as madrileñas La Casera (1949) e La Revoltosa (1951) e a valisoletana La Pitusa (1957).

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cheminea de Magán

Cerámica Celta

Caleras del Ulla

Cerería Diéguez