Porto de Cesures

Porto de Cesures - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Imaxe: Arquivo da Fábrica da Nestlé de Pontecesures (1953)

Á beira da Ponte de Cesures había un peirao, onde se atoparon pontóns soterrados de madeira petrificados e ben conservados en 1959, xunto a cerámica e moedas romanas, desde as acuñadas en tempos de Tiberio até Constantino III. Na época de dominación romana, Cesures era o porto de Iria Flavia.

A importancia portuaria de Pontecesures foi tal que, xa en 1467, Henrique IV declarou a Cesures o único porto de carga e descarga de sal na ría de Arousa.

O lugar foi un dos portos medievais de Galicia cara a ría de Arousa, na que a presenza das Torres de Oeste denota a importancia que esta ruta cara Compostela chegou a ter.

En épocas máis contemporáneas, o Porto de Cesures foi a entrada e saída pola a Ría de Arousa de gran variedade de mercadorías: madeira, sal, tabacos, chumbo, pólvora...

Nos anos 60 do século pasado, o porto estaba cheo de castelos de madeira, case todo de piñeiro, que as serrarías cesureñas, padronesas e das terras do Baixo Ulla depositaban aquí. O traballo era realizado maioritariamente por mulleres que se dedicaban ao “tablón”. Despois de secar a madeira, era cargada en galeóns, pataches e gabarras, para posteriormente levala a reembarcar a Vilagarcía de Arousa, Marín ou Vigo. Tamén estaban os galeóns ou chamados barcos de Cesures (tipoloxía de embarcacións que se facían en Pontecesures), que posteriormente foron reconvertidos para o transporte da area que se extraía no río Ulla. A primeira draga data dos anos 40, sendo o seu inventor Paco Norte, de orixe portuguesa e recoñecido ciclista e futbolista.

No 1925 asinouse o Pacto da Devesa entre Pontecesures e Valga, o que suporía a constitución da Vila de San Lois como concello de seu, aínda que Valga segue mantendo na súa propiedade uns terreos (1.193 m2) no porto cesureño.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Castro Cesures

Camiño Portugués

Porto de Cesures

Xacemento do Galiñeiro