Xacemento romano de Iria Flavia

Xacemento romano de Iria Flavia - Padrón - Santa María de Iria Flavia

O xacemento romano de Iria Flavia foi arrasado en 1994 coa construción dun paso soterrado no lugar de Hortas, obviando a importancia da necrópole romana. Todo isto a pesar de que os primeiros informes arqueolóxicos (1993) consideraban este xacemento de “vital importancia para coñecer o proceso de romanización do Noroeste e a vinculación destas novas poboacións romanas cos pobos indíxenas”.

Segundo o informe da empresa arqueolóxica Terra Arqueos, as estruturas achadas en 1993 mostraban unha cidade cun alto grao de urbanismo, copia do modelo romano, e de tendencia doméstica. Databan o campamento entre a metade do século I até finais do século II, correspondéndose cos períodos dos emperadores Flavio e Antonino.

Os arqueólogos apuntaban a necesidade de preservar os restos e buscar outra solución para o paso soterrado. As declaracións da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia recollidas na prensa en 1994, contradicían este informe e cualificaban o campamento de “baixo valor arqueolóxico”. Para moitos expertos, o xacemento romano de Iria debería estar nos primeiros postos da investigación por ser “clave para entender a historia de Galicia”. Sorprendentemente, e a pesar da súa importancia, foi sepultado en 1994, sen posibilidade de recuperación, baixo cemento e asfalto.

Os restos arqueolóxicos esténdense na contorna da Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, que en época sueva e alto-medieval tiña o rango de sé episcopal. Constitúe un núcleo urbano de grande importancia, sendo tamén lugar de culto desde época paleo-cristián. A necrópole romana perdura en época sueva e medieval, até a actualidade.

No Museo de Pontevedra atópase a Estela de Cornelius Creius e no Museo da Catedral de Santiago hai cerámica sigilata procedente de Iria Flavia.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa das Meigas

Marco da Pena das Cruces

O Castelo

Castelo da Rocha Branca