Capela da Nosa Señora da Barca

Capela da Nosa Señora da Barca - Catoira - San Miguel de Catoira

Imaxe: Cristina Conde Escaloni

Situada no lugar de Tras da Veiga, nunha finca privada. Trátase dunha capela de planta rectangular con presbiterio máis elevado que a nave e cuberta a catro augas. O seu paramento aparece conformado en cantaría de granito rematado nunha cornixa perimetral moldurada, situando unha bufarda sobre o lintel da porta de acceso principal. Coroa a fachada unha espadana dun único oco que carece de sino.

No seu interior albergaba unha imaxe da Virxe da Barca feita de madeira de aciñeira policromada, de 72 centímetros de alto e 12,5 de ancho, datada no século XVIII. Na actualidade, esta figura atópase na Igrexa de San Miguel de Catoira.

O culto a esta virxe débese a Don Roque del Río, veciño de Catoira, comerciante que negociaba na ruta entre México e Galicia que, atopándose en perigo de naufraxio do seu  barco, ofreceuse a facer a capela no seu lugar de nacemento. Así se recolle nun documento da época este ofrecemento para a construción da capela: "q aviendo transitado antes de ahora desde este Reino (de Galicia) al de Nueva España para comercios q se le han ofrescido a este y en las costas del mar se le ha sucedido y a los demás compañeros, el levantarse temporal contrario al viaxe q trahían destinado, de tal manera q la nave en q transitaba se vio en distintas ocasiones en naufragio de perderse, con cuio motivo, sinenvargo de la devoción q antes tenía a N.ª S.ª de la Barca, le ha invocado ferborosamente, con cuio auxilio y protección ha conseguido feliz tránsito y ponerse en puerto salbo, en cuia ocasión le ha ofrecido, a costa de sus bienes, hacerle una capilla en esta, dicha fgrª y fundar una misa cantada (...) q tiene deliberado hacer dcha capilla en el campo q se dice tras da veiga da Carballa".

Na contorna da capela existen varios exemplares de sobreiras (Quercus suber), de grande valor biolóxico e dendrométrico.

  • INFORMACIÓN
  • Código: CA-AR003
  • Outras denominacións: Capela da Virxe da Barca ou Capela de Mariano
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: Século XVI-XVIII
  • Concello: Catoira
  • Parroquia: San Miguel de Catoira
  • Lugar: Tras da Veiga
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    O tellado e a porta de entrada foron cambiados debido ao seu estado.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira (A_005) - Aprobación inicial de 2012

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Catoira - Aprobación inicial de 2012

    Entre lusco e fusco

    catoira.net

    Cristina Conde Escaloni

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Igrexa de San Mamede de Abalo

Igrexa de San Pedro de Dimo

Capela de Santiago

Igrexa de Santa Baia de Oeste