Ermida de San Xoán de Badía

Ermida de San Xoán de Badía - Rianxo - Santa Baia do Araño

Imaxe: Xoán Xosé Vicente

Pequena capela situada ao suroeste do núcleo da Ermida, pertencente na súa orixe ao conxunto do Pazo dos Caamaño. É unha ermida de construción sinxela, de planta rectangular resolta con muros de cachotaría de pedra e cuberta a dúas augas de tella sobre estrutura de madeira. Fachada principal con porta alintelada e espadana dun só corpo coroada cunha cruz. Ten un segundo acceso na fachada lateral, mediante unha porta de características similares. Pequeno soportal con cuberta a dúas augas de tella sobre pilastras de granito dando fronte á rúa e altariño nun lateral onde se pode ver na pedra que o soporta o que poden ser os restos dunha cruz de calvario.

No seu interior ten un retablo de tres corpos de madeira de estilo probablemente barroco, no que están San Francisco, San Xoán no centro San Roque. Este retablo atópase no interior do que debeu ser a anterior ermida de proporcións minúsculas que posteriormente foi ampliada até as medidas actuais. Destaca a Ara do Santo, unha lousa de mármore cadrada de vinte centímetros de lado e dous de ancho que contén a reliquia.

O texto que segue a continuación é autoría de Rabunho Rexeita.

Contan que o santo non apareceu na Ermida senón na Fonte de San Xoán en Foxacos, e que un home da Ermida a trouxo para aquí. Tamén contan que nun costado da capela están soterrados uns anxiños nenos que non foron bautizados. Os veciños son quen sacan o santo en procesión até o cruceiro que está máis abaixo da capela. Un ano un cura que viñera a cabalo, pois era o seu medio de locomoción, non quixo quedarse á procesión, o cabalo tirouno caendo o equino ao chan e non levantándose até que o santo non entrou na capela. Tamén din que un ano que houbera moita seca, levaron o santo á ponte que está ao lado do Muíño de Quintáns e metéronlle os pés no río, cando comezaron a subir o camiño de volta xa empezou a chover. Din tamén que por este camiño pasaba moi a miúdo a Santa Compaña.

No arquivo parroquial do Araño, atopábase o libro máis antigo de todas as parroquias do Arciprestado de Ponte Beluso en canto a confrarías, pertencente á Confraría de San Juan Bautista (1626-1690). Confraría de San Juan, fundada en Buía en 1625. Na Ordenanzas especificaron que na festa de San Juan “que es a veynte y quatro de junio, sea el dia prinçipal de la dicha Cofradia y perpetuamente. El dicho dia se celebre la fiesta y se diga misa cantada en la dicha hermita, para lo qual a de aber tres clerigos presbiteros de misa que los dos la ayuden a benefiçiar con el Retor de la fabrica que la a de dezir o otro en su lugar y a los dichos clerigos se les aya de dar y de de limosna tres rreales a cada uno y de comer. Y el mayordomo y bicario de la dicha cofradia den la cera que tubiere la cofradia para que se sirba a la misa y ofiçios dibinos y se de a los cofrades. Y salga la ymagen del Glorioso Santo en proseçion enderredor de la hermita…”. Os confrades instituíron entre eles unha comida (ou pitança), que comezaría despois da procesión, que era celebrada con certa algarabía: asistía un gaiteiro (“que vino a rregozigar la fiesta”, 1659), acompañado ás veces por un “tanburilero” (1692). Houbo un ano (1655) que participaron uns “danzadores”. Os ingredientes da comida non variaron ao longo dos anos: viño, unha vaca, tres galiñas, un carneiro, un castrón e pan (os coiros e sebo eran vendidos).

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Igrexa de Santa María de Isorna

Ermida de San Pedro de Vilas

Igrexa de Santa Baia do Araño

Igrexa de San Salvador de Taragoña