Petróglifo Nº 1 dos Mouchos

Petróglifo Nº 1 dos Mouchos - Rianxo - Santa María de Leiro

Imaxe: Megaliticia

Petróglifo composto por tres afloramentos rochosos.

A rocha 2 trátase dun pequeno bolo granítico, afectado por labores de cantaría tradicional. Atopamos na súa vertente oriental vairas representacións. Destaca na parte alta o que puidera ser unha escena de equitación ou monta acrobática, na parte media un cuadrúpede incompleto (fáltalle parte do colo e a cabeza); e na parte inferior, articulado arredor dun ovalo aberto con coviñas no interior, e vencellado a outros trazos, a partir do cal podemos atoparnos dous cuadrúpedes á esquerda do mesmo, en dirección norte; e á dereita do ovalo, nun plano inferior á posible presenza do antropomorfo sobre un équido (escena de monta), localizamos tres cuadrúpedes, un deles incompleto (fáltanlle cuartos traseiros); un é un cervo macho con cornamenta desenvolvida, e mirando cara o ovalo, mentres que o outro cuadrúpede non presenta cornamenta e está orientado en sentido contrario e nunha posición superior ao cervo macho.

A 24 metros da rocha 2, e en sentido norte, localizamos a rocha 3, que non é un afloramento tan voluptuoso como o anterior, sen embargo está colmado de gravuras. Se nos situamos na parte inferior do afloramento (sector leste) podemos apreciar que un pouco distanciado do centro da lousa, atópanse varios motivos xeométricos. Dous grupos de círculos concéntricos en series de catro con coviñas no interior, e un deles radiado, que semella que este conxunto de círculos está superposto a un cuadrúpede. Xusto por riba deste conxunto pódense apreciar outros trazos curvos e algunha coviña máis. Na parte central da lousa atopamos, cun tamaño maior que o resto dos motivos, dous animais, un deles un cervo con cornamenta desenvolvida, e o outro presenta un antropomorfo situado ao lombo do que puidese ser un équido. Acompañando a estas dúas grandes figuras animais, atópanse outros cinco cuadrúpedes completos que camiñan en sentido suroeste, e varios incompletos. Tamén se localizan dous conxuntos incompletos de círculos ou trazos semellantes, ambos os dous con coviñas no interior. Nun plano superior da lousa, e por riba dos dous grandes animais xa descritos, xusto na súa vertical, atopamos un cervo macho entre dúas diáclases que presenta a rocha. Á esquerda deste motivo, albíscanse varios animais incompletos, dous deles presentan cornamentas, e xusto no remate da lousa aparece representada unha figura xeométrica composta por varios trazos e círculos que se intersecan, xunto con trazos lineares. O interior está repleto de coviñas.

Para acceder á rocha 1 é recomendable volver sobre o andado e desde a rocha 2, a uns 15 metros en dirección leste, atoparemos un afloramento seguindo a pendente, sobre o cal está representado o primeiro panel. A primeira rocha subdivídese a súa vez en tres paneis. O panel que presenta unha maior inclinación, e se atopa sobreelevado dos outros dous, conta coa representación do que puideron ser catro antropomorfos que semella están portando armas, están situados na parte máis elevada do panel, namentres na parte inferior pódense distinguir tres cervos, dous deles machos que contan cunha cornamenta moi desenvolvida. Ademais, pódese observar un cuarto animal acéfalo, xunto con outros dous conxuntos de trazos que semellan animais incompletos. Xusto ao carón, mais nun plano inferior, localízase un segundo panel onde aparecen representados cinco animais, un deles incompleto (só cuartos traseiros, rabo, barriga e lombo) coroado por unha pequena cazoleta). Este conxunto está disposto en sentido sur, agás un dos cuadrúpedes, que ten unha orientación oposta, o cal tamén se lle pode apreciar o membro reprodutor. Nun plano inferior da rocha, localízanse outros dous animais, un deles un cervo macho orientado cara o sur, e o outro incompleto enfrontados polos cuartos traseiros. Cara ao leste, e tamén nun plano inferior respecto do panel 1, localizase o terceiro panel composto por dous cervos con cornamentas desenvolvidas orientados cara ao sur. Para a representación das patas, tanto dianteiras como traseiras, empregaron tres trazos, igual que na maioría dos motivos descritos con anterioridade.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-AQ015
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Calcolítico
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa María de Leiro
  • Lugar: Os Mouchos
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (GA15072020)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Patrimonio Galego

    Megaliticia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Mámoa Nº 1 do Monte Picoto

Mámoa de Abuín

Petróglifo Nº 11 dos Campos

Petróglifo Nº 6 dos Campos