Hórreo de Imo

Hórreo de Imo - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Beatriz Pereiras

No medio da aldea, ao pé do camiño que vai do Quinteiro de Baixo ao Quinteiro do Medio.

Un dos poucos exemplares de hórreo conservados e construídos no medio da aldea e facendo muro de peche da horta. A súa estrutura pétrea é formidable. A cimentación é unha repisa alta de perpiaños e cachotes de granito, recebada con cemento e cal na parte superior, que serve de peche dunha propiedade. Ten patiño no lado interior, o que dá á horta. Non ten soportes, asentando o tornarratos directamente na repisa. O tornarratos é unha peza corrida ao longo de todo o corpo do hórreo. Ten catro claros, os dous do oeste pechados con ladrillo, o terceiro con balaústres de madeira e dúas cintas, aínda que en mal estado, e o último claro, o do leste, xa non conserva a madeira. As portas de acceso ao interior do hórreo están no lado interior, o que da á horta. Os esquinais son de pedra, con dez fendas de ventilación horizontais, dispostas en dúas ringleiras de cinco fendas. Non ten linteis. Columnas de pedra e cornixa de madeira. Os dous penais son de pedra, con doce fendas de ventilación horizontais. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Armazón de madeira e cubrición de tella plana. Remates: no pinche leste, cruz latina alta florenzada con botón central e ángulos en chafrán, sobre base cuadrangular; e no pinche do oeste, escocia sobre base cuadrangular e rematada en bóla. Orientado ao E-W.

Segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, sería de principios do século XX, aínda que pode ser anterior. 

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO068
  • Outras denominacións: Hórreo da Valgueira
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: Século XX
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Imo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Mala, coa substitución de parte da madeira por ladrillo nos dous claros do oeste, estando a madeira do terceiro claro en mal estado e non conservándose os balaústres no claro do leste, onde está en ruínas. A cubrición, así mesmo, está en bastante mal estado, sobre todo no claro do leste, onde está en ruínas. Recoméndase restauración.        

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 237)

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Bexo

Hórreo de Lestrobe

Hórreo de Imo

Hórreo de Dodriño