Eira da Malla de Bexo (2 hórreos)

Eira da Malla de Bexo - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Concello de Dodro

Conxunto de dous hórreos localizados na Aldea de Abaixo, nun pequeno outeiro, no lugar coñecido como A Eira da Malla.

A cimentación do hórreo situado máis ao norte é unha repisa baixa de cachotaría de granito, a cal asenta sobre o rochedo natural do outeiro. Os soportes son seis cepas de pedra de perpiaños, coa pedra superior en horizontal. Os gabinetes están abertos, empregados para gardar leña. Tornarratos corrido ao longo do corpo de todo o hórreo. Ten cinco claros, con balaústres de madeira e unha cinta, con unha porta de madeira no lateral oeste, no medio, e outra no lateral leste, no cuarto claro. Os esquinais do hórreo son de pedra, con cinco fendas de ventilación horizontais cada un. Linteis de pedra só no lateral oeste, no lateral leste non ten. Columnas de pedra e cornixa de madeira. Nas columnas e nos esquinais ten unha figura decorativa en relevo a media altura, formado por un elemento cuadrangular co lado exterior en semicírculo nos esquinais e unha forma cadrada rematada en semicírculo nos lados superior e inferior nas columnas. Penal frontal de pedra con porta de madeira, e penal traseiro de pedra sen ventilación. Sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de tella do país. Remates: no penal frontal, cruz alta florenzada cos ángulos en chafrán sobre base en escocia e esta sobre pedestal cuadrangular; non conserva o remate do pinche traseiro. Orientado ao NE.

No 2010, os veciños aseguran que se trata dun hórreo antigo, tería máis de cen anos. Neste lugar facíase a malla, nunha extensa eira situada ao SW deste hórreo. Hórreo que aínda está en uso, alugado a unha veciña de Bexo.

A cimentación do hórreo emprazado ao sur é unha repisa alta de perpiaños nas esquinas e cachotes de granito no centro. Esta plataforma asenta sobre o rochedo natural do outeiro. Non ten soportes, asentando o tornarratos directamente na repisa. Tornarratos corrido ao longo do corpo de todo o hórreo. Tería cinco claros ou, segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, cinco claros e medio, conservando tan só en pé os dos extremos. O claro do sur está refeito en cemento, tendo no lateral oeste once fendas de ventilación horizontais no esquinal e unha porta de madeira enmarcada por dúas columnas, unha de pedra e outra de cemento; no lateral leste ten vinte dúas fendas de ventilación horizontais, distribuídas en dúas fileiras de once; e no penal ten dez fendas de ventilación horizontais. Na parte norte este claro está pechado con ladrillo. O claro do norte ten columnas de pedra e está pechado con balaústres de madeira e unha cinta (orixinalmente debían ser todos os claros así), presentando unha porta de madeira no penal. A parte sur do claro está medio pechado cunha prancha. Do resto dos claros tan só se manteñen en pé dúas columnas de pedra nun lateral. Non ten linteis, tan só nos penais, de pedra. As columnas son de pedra e a cornixa sería orixinalmente de madeira. Non ten sobrepenas, sendo o pinche do penal frontal de madeira e o do penal traseiro de cemento. Armazón de madeira. A cubrición, no claro do norte, é de tella do país e de uralita. No claro do sur a tella do país foi substituída por uralita. Non conserva os remates. Orientado ao NE. 

No 2010, unha veciña duns setenta e pico anos, xa non lle acorda de facer este hórreo. Di que orixinalmente pertencía a unha familia coñecida como Os Carleses. Parece que tería máis de cen anos. Segundo a ficha de Inventario de Patrimonio, parece de principios do século XX (por analoxía).

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO101
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Bexo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Mala, con madeira en mal estado.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CH-06)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 192 e 193)

    Hórreos de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Teaio

Hórreo de Bexo

Hórreo de Bexo

Hórreo de Manselle