Cruceiro de Alfredo

Cruceiro de Alfredo - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Sendeiros de Dodro | Concello de Dodro

Atópase xunto a un hórreo en Bustelo, nunha pequena praciña con chan de cemento, no ángulo SW da aldea.

O cruceiro é de factura moi ruda. Non ten baseamento nin pedestal. O varal é un fuste de sección circular. O capitel está decorado con follas de acanto. A cruz é latina de sección octogonal; desproporcionada con respecto ao resto do conxunto.

O Cruceiro de Alfredo atópase no antigo Camiño dos Mortos, na aldea de Bustelo, polo que se levaban os defuntos até a Igrexa de Santa Baia do Araño, cando esta aldea aínda pertencía a dita parroquia. Era onde paraban co cadaleito e rezaban unha oración antes de saír da aldea cara a derradeira viaxe. Até fai uns anos non tiña escaleiras nin pedestal, mais si fuste de sección circular e capitel decorado con follas de acanto e cruz latina de sección octogonal, sen ningunha imaxe, moi desproporcionada con respecto ao resto do conxunto.

Bustelo, hoxe do Concello de Dodro, hai moitísimos anos pertenceu ao Araño, Concello de Rianxo. O cambio de concello debeuse a que hai anos cando morría alguén en Bustelo, Vilar, Campelo ou Cerqueiras, o defunto era baixado ao lombo nunha esqueira entre catro persoas polo Monte Treito abaixo. A este sendeiro chámaselle Camiño dos Mortos, cruzando o río do Treito ou río de Bouzas que lle chaman os de Bustelo, case á altura do Pozo Bastón. Un ano que había moita enchente non puideron cruzalo polo río e tiveron que dar volta e enterrar ao finado en San Xoán de Laíño, foi aí cando decidiron cambiar de concello. En Bustelo había outro cruceiro, agora desaparecido, o de Benito, que xunto con este formaban parte do Camiño dos Mortos.

Segundo os veciños, trátase dun cruceiro moi antigo, de máis de cen anos. A súa localización débese a que ese era o camiño polo que pasaban os veciños para ir ou vir de Rianxo, concello ao que antigamente pertencía este lugar. Posteriormente, pasaron a ir a Laíño, polo que se fixo Cruceiro de Bustelo.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-ER023
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Elementos relixiosos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Bustelo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Até fai pouco, estivo sen capitel nin cruz, nunha propiedade privada debido á concentración parcelaria. Circunstancias estas que o levaron a estar incluído na Lista Vermella de Patrimonio Galego. Na actualidade, ante a insistencia da Unidade Veciñal de Dodro, foi recuperado do lugar no que se atopaba, sen cruz nin capitel e agora luce esplendoroso a escasos metros de onde se atopaba.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CR-23)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatríz Pereiras en 2010

    Sendeiros de Dodro

    Patrimonio Galego

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cruz de Rial da Lagoa

Cruceiro da Igrexa de San Xián de Laíño

Cruz da Estivadiña

Cruceiro de Trasdopazo