Pozo do Conxeiro

Pozo do Conxeiro - Dodro - San Xián de Laíño

Imaxe: Dodro - Obra propia

O Pozo do Conxeiro foi feito polos veciños de Eiró para empozar o liño que era cultivado na aldea. Sempre foi Eiró aldea de gran produción de liño, que se sementaba en Semana Santa na Horta do Liño, no Navaliño ou na Veiga. Era tal a importancia do liño, que cando se miraba para as leiras no final do mes de Santiago víase unha gran explanada de cor azul escuro que semellaba unha marea, a poucos tranquila e a poucos con marusía, que se confundía co devalar do río Ulla ao fondo.

Este pozo usábase para afogar o liño de 9 a 15 días antes de poñelo a secar, para despois mazalo. Mais tamén se usaba para regar esas mesmas leiras de liño, para afiar os fouciños que o cortaban na resteba alá polo San Pedro, para lavar a roupa feita dese mesmo liño, posto que o pozo ten lavadoiro. A sombra do carballo centenario do Conxeiro era sitio de rexouba dos veciños e veciñas de Eiró mentres se afiaban os fouciños e se lavaba a roupa. Pola beira pasa a Corredoira do Pozo, camiño principal de Eiró que agora fica tapado pola falta de limpeza e desuso, posto que unha pista asfaltada cortou o seu traxecto.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Pozo do Conxeiro